A Xunta e os hostaleiros acordan solicitar o certificado covid nos locais do sector para garantir a seguridade sanitaria ante o aumento dos contaxios

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuníronse esta tarde con representantes do sector para abordar as medidas necesarias ante o aumento da incidencia do coronavirus co mínimo prexuízo para os locais da hostalería

A Xunta mantén o diálogo fluído coa hostalería e aposta polo certificado covid como unha opción que permite garantir a seguridade mantendo a capacidade máxima e os horarios actuais

A medida aplicarase nos restaurantes durante todo o seu horario de apertura e nos bares e cafetarías desde as 21,00 horas

O número máximo de persoas por mesa ou agrupación de mesas axustarase a 8 no interior e 15 no exterior
 

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta e os hostaleiros acordaron hoxe solicitar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa- para acceder aos locais do sector co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria debido ao aumento dos contaxios nas últimas semanas pero causando o mínimo prexuízo posible ao sector.

O Goberno galego, dacordo cos hostaleiros, proporá solicitar o certificado covid na hostalería, que require autorización previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A previsión é solicitalo nos restaurantes durante todo o seu horario de apertura e nos bares e cafetarías a partir das 21,00 horas.

Con esta medida, que xa se está a empregar no ocio nocturno e nos albergues de peregrinos, así como nas visitas aos hospitais, preténdese garantir a seguridade sanitaria para que se poidan manter os horarios e a capacidade máxima do 100% actuais no sector hostaleiro.

A implantación do certificado covid abordouse na reunión desta tarde entre o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, con representantes da hostalería. Tamén se trataron outras medidas coas que garantir unha hostalería segura con axustes no número de persoas por mesa ou agrupacións de mesas cun máximo de 8 persoas no interior e 15 no exterior, fronte ás 10 no interior e os 20 das terrazas vixentes ata agora.

Ao encontro, que xa estaba previsto desde a última reunión celebrada hai un mes para abordar o aumento da actividade en decembro debido ás celebracións de Nadal, tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Debido ás circunstancias actuais desde o punto de vista sanitario ante a covid co repunte da incidencia, a Xunta mantén o compromiso co sector para que a necesidade de garantir a seguridade sanitaria se poida compatibilizar co mantemento da actividade económica da hostalería e o turismo.

Co obxectivo de dar estabilidade ao sector, a Xunta vén mantendo desde o inicio da pandemia un diálogo fluído e constante con representantes da hostalería e do ocio nocturno e cos que chegou a acordos coa posta en marcha de plans cos que precisamente garantir a continuidade da actividade con independencia da incidencia da covid.

A Xunta mantívose ao lado dos hostaleiros nos meses máis difíciles da pandemia e leva feito un importante esforzo neste ano para axudar á reactivación do sector turístico no seu conxunto cun investimento de máis de 120 millóns de euros, dos que máis de 90 millóns se corresponden cos pagos realizados á hostalería a través dos 2 primeiros Plans de Rescate da Xunta.

Os máis de 31,2 millóns restantes inclúen distintas liñas de axudas para apoiar ao turismo galego, incluíndo aos locais de hostalería e do ocio nocturno que, por exemplo, puideron optar a máis de 6 millóns de euros para adquirir equipamentos poscovid e a outra de outros 6 millóns para dotarse de recursos tecnolóxicos e mellorar a súa dixitalización.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/11/2021