Román Rodríguez anuncia no Parlamento un plan para fomentar o uso do galego no deporte

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade expón no Pazo do Hórreo que a iniciativa busca incidir especialmente na mocidade

Tamén aborda a aposta decidida pola FP, que medra arredor dun 70% o seu número de matriculados en relación ao curso 2008-2009, e as bibliotecas escolares como referentes no ámbito estatal

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia iniciará o vindeiro ano os traballos para elaborar un plan de dinamización que fomente o uso do galego nas prácticas deportivas. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no Parlamento de Galicia, onde respondeu varias preguntas relacionadas co seu departamento.

O responsable de Cultura do Goberno galego defendeu no Pazo do Hórreo que Galicia “é un exemplo de convivencia e cordialidade lingüística porque aquí o idioma non é un problema. Temos dúas linguas que coñecemos e empregamos”, subliñou antes de engadir que o galego “é un motivo de orgullo que debemos coidar e potenciar e por iso traballamos para que todos os cidadáns vexan a utilidade de ambas linguas e as coñezan e usen plenamente e en liberdade”.

Para isto, a Administración autonómica ten en marcha diferentes iniciativas como o Proxecto Nós para poñer a intelixencia artificial ao servizo da lingua ou plans cos que se actúa desde unha perspectiva integral e engloban todos os ámbitos nos que o Goberno galego actúa co fin de conseguir a plena dinamización. “Xa o fixemos co Plan de Dinamización da Lingua galega no tecido económico ou na mocidade, pero agora daremos un paso máis para incidir no ámbito deportivo porque entendemos que é clave na socialización dos máis novos”, sostivo.

Incremento do 40% nos orzamentos

Esta nova estratexia, que se pon en marcha grazas a un incremento do 40% para os programas de promoción do galego nas contas do vindeiro ano, contará coa colaboración de diferentes departamentos autonómicos e coas federacións deportivas de Galicia.

Por outra banda, Román Rodríguez tamén respondeu hoxe cuestións vinculadas coa súa área de xestión como sobre a situación da Formación Profesional en Galicia, a educación inclusiva ou os programas que se están a desenvolver nas bibliotecas escolares galegas. Neste senso, defendeu a aposta decidida da Xunta de Galicia pola FP conseguindo unha formación moderna, útil e innovadora que é cada vez máis prestixiada. “O atractivo da FP queda demostrado na cifra récord de máis de 60.000 alumnos matriculados este ano nas distintas modalidades, unha cifra que medra en arredor dun 70% en relación ao curso 2008-2009”, declarou.

No relativo ás bibliotecas escolares, o responsable autonómico de Educación lembrou o traballo, a innovación educativa, funcionando como espazos para a aprendizaxe, a exploración, a experimentación ou a creatividade. Como apuntou, son un exemplo de calidade e bo facer a nivel mundial como demostra o nomeamento ao Premio Internacional Astrid Lindgren memorial Award 2022, un dos recoñecementos máis valorados no mundo do libro infantil e xuvenil.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2021