A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe con empresarios de Ordes para presentarlles os avances na redacción do documento

Galicia contará en 2022 cunha guía de integración paisaxística de parques empresariais para buscar o seu desenvolvemento harmónico coa contorna

O obxectivo da Xunta, coa colaboración da Federación Galega de Parques Empresariais, é dispoñer dunha nova ferramenta de apoio técnico que ofreza consellos para deseñar futuros polígonos ou acondicionar e mellorar os xa existentes

Ángeles Vázquez explica que, como punto de inicio, se están analizando 26 áreas industriais galegas para a partir de aí redactar unha guía que propoña solucións a cuestións habituais nestas zonas, como a escaseza de zonas verdes, a localización de certos equipamentos ou a humanización de espazos para integrar aos peóns

Esta nova publicación forma parte da Colección Paisaxe Galega, un compendio que a día de hoxe suma xa 11 manuais de boas prácticas co obxectivo de fixar criterios de integración paisaxística comúns e de aplicación nas políticas sectoriais e territoriais

Ordes (A Coruña), 13 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

Galicia contará o vindeiro ano coa primeira Guía de boas prácticas para a integración paisaxística de parques empresariais, un manual impulsado pola Xunta no que se recollerán toda unha serie de ideas e recomendacións para buscar que o desenvolvemento deste tipo de espazos na Comunidade se faga de forma harmónica e integrada coa contorna.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o concello de Ordes para presentar os avances realizados na redacción desta guía ante máis dunha vintena de empresarios do municipio coruñés.

Como punto de partida dos traballos, explicou que se están a analizar 26 áreas empresariais rurais e urbanas de toda Galicia —unha delas, o polígono ordense— e que a información recompilada se utilizará na redacción dun manual de boas prácticas que ofreza solucións técnicas a problemas e cuestións que, de forma habitual, hai que resolver cando se planifica un polígono ou se queren ampliar e mellorar os xa existentes.

Entre as principais casuísticas ás que se pretende responder con esta guía, Ángeles Vázquez mencionou a escaseza de zonas verdes, a localización de certos equipamentos en lugares estratéxicos, os problemas de aparcamento ou a necesidade de habilitar espazos para os peóns para facer dos polígonos lugares máis amables.

Tras anunciar que o documento estará listo no primeiro semestre de 2022, a conselleira lembrou que a futura guía xorde do protocolo de colaboración en materia de paisaxe asinado o pasado verán entre o seu departamento e a Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), entidade á que agradeceu o seu respaldo e implicación.

O obxectivo compartido pola Xunta e a Fegape, segundo explicou, pasa por poñer a disposición de técnicos, empresarios e administracións públicas unha nova ferramenta de apoio con consellos e información útil para conseguir facer dos parques empresariais galegos espazos ben integrados coa súa contorna. “Deste xeito, queremos demostrar que é posible combinar a actividade económica coa integración paisaxística”, declarou.

Pola súa parte, o alcalde de Ordes, José Luis Martínez, agradeceu que o polígono deste municipio fose un dos escollidos pola Xunta como modelo para analizar a situación deste tipo de infraestruturas na Comunidade e elaborar un documento que considerou que terá unha gran utilidade práctica.

1 M€ para avanzar nas guías e na Estratexia da Paisaxe

Cómpre subliñar que esta nova guía se enmarca na Colección Paisaxe Galega, unha iniciativa do Instituto de Estudos do Territorio (IET) que suma xa 11 publicacións co obxectivo de fixar criterios de integración paisaxística comúns e de aplicación nas políticas sectoriais e territoriais que se levan a cabo en Galicia.

Ademais do futuro manual de integración de parques empresariais, o IET tamén está a traballar na redacción doutros tres documentos: a guía de boas prácticas sobre deseño e instalación de cartelaría comercial; a guía de boas prácticas para a integración na paisaxe das instalacións de abastecemento; e a guía de recomendacións básicas para evitar o impacto na paisaxe das instalacións portuarias da Xunta de Galicia.

Con este fin, a Consellería destinará o vindeiro ano 1 millón de euros a seguir avanzando na elaboración destes manuais de apoio técnico, así como no desenvolvemento da Estratexia da Paisaxe Galega 2021-2024.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/12/2021