Galicia activa máis de 8 millóns de euros para a mellora dos parques empresariais

A Xunta abre o prazo de solicitude para acceder ás axudas destinadas a modernizar as infraestruturas, que incorporan como novidade a posibilidade de instalar servizos de subministración de gas e hidróxeno; a implantar viveiros industriais e a liña para reforzar as redes de distribución eléctrica

Estes apoios, de concorrencia competitiva, contan cunha intensidade do 80%, tendo prioridade nas convocatorias os Concellos Emprendedores

Grazas a anteriores edicións, estas axudas permitiron impulsar máis de 700 proxectos

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de convocar un total de 8,35 millóns de euros para tres ordes de axudas destinadas á mellora dos parques empresariais galegos, co obxectivo de renovar e modernizar estas infraestruturas, favorecer a creación de novas compañías e empregos, así como impulsar a competitividade do tecido empresarial galego.

En concreto, resérvanse 3,25 millóns de euros para a modernización de infraestruturas: instalación de plantas de depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias, sistemas de seguridade e vixilancia, instalacións de loita contra incendios, sistemas contra roubo de cable e, como novidade, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno. Poderán acceder a estas axudas os concellos galegos, que recibirán un máximo de 120.000 euros por proxecto, cantidade que ascende aos 138.000 no caso de presentar unha solicitude conxunta. O prazo para presentar solicitudes remata o 28 de febreiro.

Por outra parte, destínanse 1,5M€ a impulsar actuacións para a construción, reforma ou equipamento interior de naves industriais para crear un viveiro industrial de empresas. Os apoios están dirixidos aos concellos, que deben ser titulares das naves. A axuda máxima será de 240.000 euros por solicitude. O prazo para pedir as axudas remata o 28 de febreiro.

Por último, a Xunta activará unha orde de axudas para o reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que dá servizo ao parque empresarial. Os beneficiarios tamén serán os concellos, que poderán recibir un máximo dun millón de euros. En total resérvanse 3.600.737 euros. O prazo estará aberto ata o 26 de maio.

Estes tres apoios, de concorrencia competitiva, terán unha intensidade do 80% e contemplan anticipos de ata o 25% da axuda concedida, agás para a liña de redes que será do 50%. Na selección de proxectos teranse en conta criterios como a superficie do parque, o seu nivel de ocupación, a poboación do municipio e se é Concello Emprendedor.

Estas liñas contribúen a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para facilitar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas. Estes apoios xa permitiron impulsar máis de 700 proxectos ao longo das convocatorias anteriores.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/01/2022