A Xunta ratifica o seu compromiso de colaborar en Alcoa pero é preciso que a empresa avance nos investimentos e o Goberno abarate o prezo eléctrico

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, asistiu hoxe en Madrid á reunión do comité de seguimento da fábrica da Mariña, onde insistiu en que o Goberno galego seguirá ao lado dos traballadores

Ofrece a cooperación da Xunta na tramitación de parques eólicos que primen a subministración de enerxía para o desenvolvemento da actividade industrial

Mantén que o futuro de Alcoa e do resto da industria hipelectrointensiva pasa por un compromiso claro do Executivo central para fixar un prezo da enerxía que permita a España competir en igualdade de condicións co resto de países europeos
 

Madrid, 1 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá en Madrid na reunión da comisión de seguimento de Alcoa, na que volveu ofrecer a máxima colaboración por parte da Xunta de Galicia, lembrando ao mesmo tempo que a solución final terá que vir acompañada dun compromiso claro da empresa -avanzando nos investimentos na fábrica da Mariña de Lugo- e do Goberno central -adoptando as medidas necesarias para que a compañía poida contar cunha tarifa eléctrica que lle dea seguridade e lle permita ser competitiva, e máis nas condicións actuais de alza de prezos-.

Desde Galicia laméntase que en España non se poida producir aluminio primario pola falta de implicación do Executivo central. De aí a necesidade de que poña sobre a mesa medidas para conseguir un prezo da enerxía tanto para Alcoa como para o resto da industria hiperelectrointensiva co que poidan -no que atinxe a esta cuestión en concreto- competir en igualdade de condicións co resto de países europeos, como é o caso de Francia ou Alemaña.

Desde o Goberno galego tamén se solicitou a Alcoa que cumpra cos investimentos comprometidos para achegar certeza e estabilidade aos empregados, á industria auxiliar e á Mariña de Lugo.

Paula Uría, que defendeu que a Administración galega seguirá como ata agora ao lado dos traballadores, volveu tender a man da Xunta de Galicia e reiterou o compromiso de ofrecer a máxima cooperación para reactivar as cubas canto antes.

Neste sentido, introducirase un artigo na Lei de áreas empresariais para que teñan prioridade na tramitación administrativa aqueles proxectos eólicos que se desenvolvan na Comunidade e que -sempre que cumpran co resto de directrices vixentes na lexislación- destinen o 50% da enerxía que produzan á industria a través de contratos de prezo fixo da enerxía.