O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou esta mañá na inauguración do evento

A Xunta pon en valor o auxe da agricultura ecolóxica durante a apertura da feira Biocultura que se celebra deica o domingo na Coruña

A Consellería do Medio Rural financia as actividades de promoción que desenvolverá ao longo destes tres días o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, prestando apoio a preto dunha vintena de expositores

En total, mostrarán os seus produtos arredor de 200 operadores e agárdase a asistencia de máis de 13.000 visitantes

Galicia certifica en agricultura ecolóxica a arredor de 1.300 produtores, elaboradores ou comercializadores, cunha facturación conxunta de máis de 110 millóns de euros e cunha superficie inscrita superior ás 32.000 hectáreas

A Coruña, 4 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta mañá na inauguración da feira Biocultura, que estará aberta na cidade herculina ata este domingo 6 de marzo. Alí, destacou o auxe da produción ecolóxica na nosa comunidade, que está reforzado co importante traballo que realiza o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

No evento, José Luis Cabarcos celebrou o forte crecemento que ten experimentado o sector ecolóxico nos últimos anos, roldando na actualidade os 1.300 operadores certificados en Galicia cunha facturación conxunta de máis de 110 millóns de euros e cunha superficie inscrita superior ás 32.000 hectáreas. Segundo salientou, destacan produtos como o leite ecolóxico, líder a nivel nacional, pero tamén a carne e os seus derivados ou outras producións como as castañas e a sidra en ecolóxico.

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria manifestou que estes datos reflicten que a produción ecolóxica é unha actividade que xera riqueza e emprego no agro. Nesa liña, incidiu, a Xunta seguirá apostando por ela, tanto desde o punto de vista ambiental -xa que é máis sustentable- como desde a perspectiva económica.

O Goberno galego apoia este evento pola súa relevancia, xa que Biocultura é unha das maiores feiras da produción ecolóxica a nivel nacional. Así, a Consellería do Medio Rural financia as actividades de promoción que desenvolverá ao longo destes tres días o Craega, o cal dispón dun espazo con preto dunha vintena de operadores que exporán conservas vexetais ou de peixe, produtos lácteos ou cárnicos, mel, cervexas, galletas, repostaría ou empanadas.

Ademais, persoal da propia Axencia Galega da Calidade Alimentaria estará presente na cita para dar apoio aos expositores e ás accións de promoción e divulgación programadas, como a compra pública ecolóxica, catas de viños e cervexas ecolóxicas, diversos obradoiros de cociña para o público infantil e cociña ecolóxica.

Organizada pola Asociación Vida Sana, Biocultura chega á Coruña cada dous anos e ten presenza noutras cidades españolas como Madrid ou Barcelona. En total, na cita da feira en Expo Coruña mostrarán os seus produtos arredor de 200 expositores e agárdase a asistencia de máis de 13.000 visitantes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/03/2022