A Xunta traslada a demanda das ONGD de priorizar as doazóns en efectivo a Ucraína fronte as axudas en especie polos problemas de loxística

Nunha reunión coa Fegamp e diversas ONGD, acordouse establecer un grupo de traballo permanente para facer fronte á emerxencia humanitaria mentres dure a crise

A Xunta destinará 400.000 euros a unha convocatoria pública de acción humanitaria para canalizar a axuda a Ucraína a través das ONGD galegas

Ao encontro presidido polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e no que participou tamén o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiron o presidente da Fegamp, Alberto Varela; representantes do Concello de Santiago, da Coordinadora Galega de ONGD e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, así como delegados de distintas organizacións humanitarias
 

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia traslada a petición feita polas ONGD á poboación para que prioricen as doazóns en efectivo fronte as axudas en especie polos problemas de loxística. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, quen estivo acompañado polo director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, fixo ese chamamento tras un encontro mantido hoxe coas organizacións involucradas na axuda humanitaria a Ucraína.

Ademais, o Goberno galego, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, fará nos vindeiros días unha convocatoria pública de acción humanitaria por valor de 400.000 euros para que as organización non gobernamentais galegas presenten os seus proxectos para a canalización da axuda á poboación de Ucraína.

Na reunión participaron tamén o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e representantes do Concello de Santiago, da Coordinadora Galega de ONGD, das ONGD humanitarias (Farmaceuticos Mundi, Médicos del Mundo, UNICEF Comité Galicia, Cruz Vermella, Educo, Entreculturas, Movimiento por la Paz y el Desarme e Axuda en Acción) e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Jesús Gamallo trasladou aos asistentes a información que está a chegar da Oficina de Acción Humanitaria da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e da Secretaría de Estado de Cooperación Internacional, coas que se está en permanente contacto e coordinación, no sentido de priorizar preferentemente as doazóns en efectivo, en detrimento das axudas en especie.
A Xunta considera que é imprescindible unha acción conxunta e coordinada dos distintos axentes para garantir que toda a axuda en materia de acción humanitaria sexa o máis eficaz e eficiente posible.

Isto responde a un chamamento das organizacións e das ONGD que están en terreo para poder canalizar a axuda e para que sexa efectiva e eficaz e chegue realmente aos que o necesitan, xa que hai problemas loxísticos para traslado, almacenamento e distribución, así como problemas medioambientais e co comercio local nos países de recepción das doazóns en especie. Reitérase a necesidade de que prioritariamente se fagan doazóns en efectivo nas contas que habiliten as organizacións internacionais e as ONGD encargadas desta materia.

Como resultado da reunión considerouse necesario a creación e mantemento dun grupo de coordinación estable para o intercambio da información e a procura de solucións ante esta crise.
Como actuación inicial propúxose a publicación dun comunicado conxunto para que a cidadanía coñeza cal é a mellor maneira de canalizar ou facer efectiva a súa solidariedade co pobo ucraíno. Neste sentido insistirase na necesidade de que prioritariamente se fagan doazóns en efectivo nas contas que habiliten as organizacións internacionais e as ONGD humanitarias que se atopan no terreo, debido á dificultade loxística da recollida, almacenamento, transporte e reparto da axuda en especie.
A Xunta informou de que puxo en marcha os instrumentos de financiamento de axuda humanitaria dos que dispón tanto a través da activación de dous convenios de colaboración asinados con entidades expertas na atención deste tipo de crises como Farmacéuticos Mundi e UNICEF, así como do convenio asinado coa cooperación descentralizada e a Axencia Española de Cooperación Internacional, a través do cal activouse un fondo de continxencia de 400.000€ para destinar ao chamamento internacional realizado pola Federación Internacional da Cruz Vermella presente en Ucraína e nos países fronteirizos. A maiores, actuarase a través do financiamento de intervencións de resposta á emerxencia que se presenten á través da convocatoria para proxectos de acción humanitaria no exterior que se publicará nas vindeiras semanas.
No encontro acordouse que a través da FEGAMP e os Concellos se faga un inventario sobre os lugares de referencia de recollida e almacenaxe de material para ter coñecemento do seu volume e contido, a fin de tomar a mellor decisión sobre como proceder ao respecto.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/03/2022