A Xunta apoia con 400.000 euros ás anpas galegas para promover programas de igualdade e de prevención da violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica mañá a convocatoria destas axudas que se poden solicitar desde o martes 22 de marzo e ata o próximo 21 de abril

As Asociacións de nais e pais que presenten a solicitude de xeito individual poderán acceder a unha contía máxima de 3.000 euros e será de 6.000 euros para as peticións de federacións ou confederacións de Anpas

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica mañá a convocatoria de axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero postas a iniciativa de Asociacións de Nais e Pais galegas (Anpas). Os apoios poden solicitarse desde o próximo martes 22 de marzo e ata o día 21 de abril.

Estas axudas, financiadas no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, están dotadas con 400.000 euros, ampliables en función das necesidades, co que poderán chegar a unhas 150 asociacións. Cada solicitude poderá recibir un máximo de 3.000 euros se é de carácter individual; ou de 6.000 euros, no caso das peticións conxuntas presentadas por federacións ou confederacións de Anpas.

O Goberno galego quere contribuír á formación, sensibilización e información das familias e asociacións de nais e pais na perspectiva de xénero, concienciando ás fillas e fillos, ao alumnado e a comunidade educativa sobre os estereotipos de xénero existentes e visibilizar as mulleres e as nenas promovendo unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan a violencia de xénero.

O obxectivo da convocatoria consiste en atender a demanda de cantas máis entidades mellor. En 2021, un total de 148 Anpas de centros educativos sostidos con fondos públicos recibiron estas axudas.

Ao abeiro desta orde poden financiarse programas e actividades de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás Anpas e á comunidade educativa en xeral e que se realizaran entre o 1 de decembro de 2021 e o 30 de novembro de 2022.

Entre as actuacións concretas, apóiase a celebración de escolas de pais e nais que aborden temas de igualdade; obradoiros de educación afectivo-sexual e sobre violencia de xénero e a elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar estes casos. Tamén a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas; a formación para pais e nais ou mozos e mozas sobre o uso adecuado e crítico das novas tecnoloxías (especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos como stalking, sexting ou grooming) e sobre novas masculinidades ou micromachismos; e outras accións que permitan avanzar na eliminación dos estereotipos e dean pautas para previr a violencia de xénero e sobre como actuar ante casos de agresións.

A Xunta considera fundamental a implicación das Anpas galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para promover unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero. Nos tres últimos anos, desde 2019 cando se puxo en marcha este programa e ata 2021, a Xunta investiu nesta inicitiva máis de 1,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/03/2022