A Xunta difunde a lendaria figura de San Cipriano co catálogo da mostra exposta no Museo Etnolóxico de Ribadavia en 2021

A publicación presentada hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, ofrece un percorrido polas máis de 150 pezas que formaron parte da exposición, da man do seu comisario Félix Castro Vicente

Ribadavia (Ourense), 23 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta fai perdurar a mostra San Cipriano o Mago. De oracións, ciprianillos e tesouros coa publicación do catálogo que recolle as máis de 150 pezas expostas no Museo Etnolóxico de Ribadavia ao longo de 2021. O volume presentado hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, ofrece un percorrido polas tradicións vencelladas á figura de San Cipriano da man do antropólogo Félix Castro Vicente, comisario da exposición e autor do libro, quen participou tamén na presentación xunto ao director do museo, José César Llana.

Segundo sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, con esta publicación quérese contribuír á difusión “dun personaxe complexo, considerado santo polas igrexas orientais e circunscrito ao ámbito das tradicións populares na Igrexa católica”. Trátase dun “home lendario que deu lugar a crenzas arraigadas tanto na cultura galega coma en diferentes partes do mundo”, sinalou.

O secretario xeral destacou o amplo conxunto de libros, gravados, oracións e outros obxectos recollidos no volume como parte da exposición de 2021. Inclúense imaxes e información de máis de 50 pezas relixiosas vencelladas a San Cipriano procedentes de diferentes países, de máis de 60 libros de maxia sobre esta figura, con primeiras edicións das publicacións máis coñecidas e buscadas, así como de material vencellado coa procura de tesouros ocultos, entre outros contidos.

Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo destacou a calidade da publicación e agradeceulle a Félix Castro Vicente a xenerosidade por compartir o seu coñecemento e a súa colección arredor de San Cipriano, froito dun labor de investigación de máis de vinte anos e que continúa aberta.

Achegamento á figura e ás tradicións

Estruturado en catro partes, o catálogo afonda ao longo de 168 páxinas na figura de San Cipriano desde diferentes perspectivas e nas tradicións arredor del. Comeza coa faceta de santo, con datos sobre a súa historia e lenda, a iconografía e lugares relacionados co seu culto. A segunda parte dedícase á faceta de mago, cunha compilación internacional de libros máxicos atribuídos a Cipriano. O Ciprianillo e a busca de tesouros protagonizan a terceira parte, cunha achega ás tradicións galegas arredor da existencia de tesouros e aos procedementos para localizalos. A figura de San Cipriano no mundo pecha o percorrido, completado con fotografías da mostra e reproducións de diversos textos como anexos.

A publicación poderase adquirir no Museo Etnolóxico de Ribadavia e a través da Libraría Institucional da Xunta.
 

Data de actualización: 23/03/2022