A Xunta pon en valor os beneficios saudables da dieta atlántica baseada nos produtos do mar

Rosa Quintana salientou a importancia da concienciación para promover o consumo de peixes e mariscos e puxo como exemplo as campañas que desenvolve o Goberno galego entre a poboación xuvenil, que desde 2010 achegaron a máis de 160.000 nenas e nenos os beneficios de consumir peixes e mariscos

A conselleira do Mar en funcións agradeceu á Asociación Asomega e á Fundación Dieta Atlántica o seu labor á prol da defensa do papel dos produtos pesqueiros na dieta
 

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, defendeu hoxe o consumo de produtos do mar para “axudar a crecer en saúde ás galegas e aos galegos do mañá”. Neste sentido, sinalou a importancia da concienciación para promover hábitos de vida saudables como unha dieta atlántica baseada en produtos do mar. Así o sinalou na mesa redonda sobre saúde e dieta atlántica celebrada no marco da Feira da Saúde que organiza a Asociación de Médicos Galegos (Asomega), onde tamén destacou campañas desenvolvidas pola Xunta para promover o consumo de peixes e mariscos entre a poboación xuvenil.

Trátase de iniciativas que o Goberno galego desenvolve desde o ano 2010 e coas que achegou a máis de 160.000 nenas e nenos os beneficios de consumir produtos do mar frescos ou en conserva. Con elas, a Xunta tamén busca promover a dieta atlántica e unha alimentación sa para a prevención de problemas de saúde.

Alí a titular de Mar en funcións tamén puxo de relevo o valor da alimentación para a sociedade galega. Unha alimentación baseada nos produtos de proximidade e de alta calidade, que levou ao pobo galego “a presumir da súa lonxevidade”, engadiu. Nesta liña, fixo fincapé nas vantaxes sanitarias e sociais que aporta incluír os produtos do mar na alimentación pois “supoñen beneficios que non se obteñen con tratamentos farmacéuticos e favorecen a prevención de enfermidades crónicas”.

En relación aos beneficios sociais, Rosa Quintana destacou que o consumo de peixe aporta á poboación infantil “omega 3, que é esencial para a súa formación cerebral” e para os maiores supón “menos riscos de enfermidade crónica e doenzas cardiovasculares”. Por último, a conselleira do Mar en funcións agradeceu á Asociación Asomega e á Fundación Dieta Atlántica o seu labor á prol da defensa do papel dos produtos do mar na dieta.

A Feira da Saúde 

A I Feira da Saúde inaugurada onte e que acolle Santiago ata hoxe celébrase de xeito paralelo ao II Encontro Mundial de Médicos Galegos. Pretende conectar o evento coa cidade e facelo visible á poboación en xeral, a través da organización de charlas impartidas por especialistas e accións para divulgar hábitos de vida saudables e a prevención en saúde. É un espazo de divulgación aberto a todos e conta con catro eixos clave, que son o Camiño de Santiago e a saúde, a saúde da muller, o envellecemento saudable e a dieta atlántica.

Estas sesións poden consultarse no seguinte enlace e compleméntanse con outras actividades como o Camiño de solidariedade, que se enmarca no programa Asomega Axuda. Esta acción inclúe unhas cintas de andar que serven para medir o grao de solidariedade dos asistentes. En función dos quilómetros percorridos durante a feira, farase unha doazón aos afectados pola guerra da Ucraína. Outras iniciativas son a mostra do Museo do Médico Rural de Maceda (Ourense) e unha demostración realizada pola Escola de Hostalería de Galicia sobre as conservas para seguir unha dieta saudable.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 07/05/2022