A Xunta apoia a consolidación das pemes biotecnolóxicas galegas para situar Galicia como un referente europeo do sector

A Axencia Galega de Innovación (Gain) acolleu unha xornada na que se presentaron as oportunidades de investir e innovar en Galicia neste eido, entre elas, a nova liña de apoio Consolida Bio, dotada con 3M€

Aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 20 de xuño, o obxectivo é consolidar pemes do sector biotecnolóxico galego a través de investimentos e de innovación

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, apuntou que Galicia é actualmente unha das rexións con maiores vantaxes para crear e impulsar o crecemento de empresas biotech

Pola súa banda, o director do Igape, Fernando Guldrís, explicou os instrumentos de apoio ao financiamento e ao investimento empresarial do seu departamento

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, foi a encargada de abrir a xornada A Biotecnoloxía. Inviste en Galicia celebrada esta mañá na sede da Axencia en Santiago de Compostela. Argerey destacou na súa intervención que Galicia é actualmente unha das rexións con maiores vantaxes para crear e impulsar o crecemento de empresas biotecnolóxicas. De feito, no periodo 2016-2020 Galicia practicamente duplicou o número de empresas biotech e, no 2020, foi a segunda Comunidade Autónoma en creación de empresas no sector.

 

Para acelerar a consolidación das pemes emerxentes no mercado, Patricia Argerey apuntou que está actualmente aberta unha liña de apoio pioneira, Consolida Bio, dotada con 3 millóns de euros a través de fondos REACT-UE, que lle permitirá seguir avanzando a Galicia como rexión de referencia a nivel europeo. Esta iniciativa aspira a apoiar 12 pemes do sector biotecnolóxico, creadas nos últimos oito anos, mobilizar 9 millóns de euros e crear 36 empregos altamente cualificados.

 

Esta nova liña de axudas, que ten aberto o prazo ata o vindeiro 20 de xuño, cobre tanto investimentos produtivos e tecnolóxicos como innovación en procesos e actividades para levar ao mercado solucións baseadas na biotecnoloxía. A intensidade da axuda varía entre o 10 e o 20% para os investimentos e alcanza o 50% para os custos de innovación e o orzamento do plan de consolidación debe estar entre os 500.000 e 1.000.000 euros

 

A directora de Gain contextualizou estes datos na aposta da Xunta de Galicia polo sector a través, primeiro, da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020 e, actualmente, a través da Estratexia de Consolidación do sector para o período 2021-2025 e a nova Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) 2021-2027. Ademais, destacou as fortalezas e capacidades que presenta o sector en Galicia: o talento formado no sistema educativo galego; un ecosistema sólido aínda que mozo e que medra moi rápido; grandes capacidades de investigación; investidores especializados e infraestruturas a disposición, como o Centro de Servizos Avanzados que se localizará no Polo da Sionlla.

 

Pola súa banda, Fernando Guldrís falou das posibilidades de financiamento do sector en Galicia e da liña de axudas Galicia Inviste. Entre outras liñas de financiamento, destacou o convenio asinado coas Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) -Afigal e Sogarpo- co obxectivo de facilitar ás empresas galegas o financiamento dos seus pagos operativos e investimentos para reducir a súa exposición ás materias primas máis encarecidas e á suba dos combustibles. Este acordo permite avalar, en total, operacións por un máximo de 80 millóns de euros.

 

Paralelamente a esta liña de avais, a Administración autonómica complementou o seu programa de préstamos directos cunha dotación de 28 millóns de euros que facilita o acceso ao crédito ao tecido empresarial galego, en especial ás industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia do actual conflito bélico. Ademais da liña destinada ás empresas afectadas pola invasión rusa de Ucraína, estes préstamos directos comprenden outras tres liñas para atender investimentos estratéxicos, impulsar proxectos de I+D+i levados a cabo por centros tecnolóxicos, asociacións empresariais ou fundacións, e achegar financiamento a operacións da industria auxiliar naval.

 

Por último, explicou os instrumentos financeiros innovadores IFI Innova, que teñen como obxectivo apoiar pemes con proxectos innovadores, especialmente as de base tecnolóxica, principalmente semente e start-up, pero tamén aquelas pemes que, a pesar de ter unha traxectoria contrastada, desexan emprender proxectos inovadores, financiando activos tanxibles e intanxibles e gastos de desenvolvemento e innovación. Rematou informando sobre as axudas Galicia Inviste dirixidas á posta en marcha de proxectos de investimento empresarial en Galicia, coa finalidade principal de dinamizar a actividade económica na Comunidade Autónoma e potenciar o mantemento e creación de emprego, así como a innovación, a través do desenvolvemento e mellora das empresas existentes, e coa creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

 

Na xornada celebrada hoxe tamén se falou das oportunidades que ofrecen os fondos europeos Next Generation para o sector; ou das oportunidades de investir nos terreos industriais do Polo da Sionlla; entre outros aspectos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/05/2022