Sanidade aproba as bases da III Edición dos Premios de Innovación no sistema público de saúde de Galicia

A finalidade dos premios é incentivar as ideas de innovación dos profesionais sanitarios no ámbito da Consellería de Sanidade e no seu sector público no presente ano, así como as dos pacientes e as súas asociacións

O Servizo Galego de Saúde impulsará as ideas galardoadas para a súa implantación no sistema
 

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Sanidade vén de aprobar e publicar as bases reguladoras da III Edición dos Premios de Innovación no Sistema Público de Saúde de Galicia. Estes premios, convocados pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo dependente do departamento sanitario galego, pretenden potenciar as ideas innovadoras nas que traballan os profesionais sanitarios, para mellorar a calidade de vida das persoas e a sustentabilidade do sistema sanitario público galego, e, tamén, aquelas propostas achegadas por persoas físicas (pacientes, coidadores, etc), organizacións ou asociacións de pacientes.

 

Nesta nova edición, as dúas modalidades de participación (profesionais e pacientes) contarán con dous gañadores cada unha. Na modalidade de ideas dos profesionais, a dotación económica será de 6.500 euros para a candidatura gañadora do primeiro premio e 3.250 para o segundo. No apartado dos pacientes, o primeiro premio é de 2.000 euros para o proxecto ganador e 1.000 euros para o segundo.

 

Boa acollida nas outras convocatorias

 

A Consellería de Sanidade remarca a boa acollida que tiveron as dúas convocatorias anteriores deste premios. Así, na primeira edición, dende as sete áreas sanitarias achegáronse 56 iniciativas desde o eido profesional e outras 14 dende a categoría dos pacientes, organizacións ou asociacions que traballan na procura dun sistema público de saúde máis innovador e eficiente.

 

Na segunda edición participaron un total de 99 proxectos, dos que 75 corresponderon á categoría profesional e 24 á modalidade de asociacións e pacientes.

 

Sinalar que un dos incentivos principais destes premios é que as candidaturas galardoadas continúen no proceso de innovación aprobado pola administración na Plataforma de Innovación Sanitaria para o seu posible desenvolvemento no Sergas. Deste xeito, o departamento sanitario galego impulsará as ideas galardoadas para a súa implantación no sistema.

 
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 28/05/2022