A Xunta participa na presentación da campaña ‘O acollemento é’ de Acougo para poñer en valor a súa importancia

Galicia ten unha aposta polo acollemento familiar por iso o 55% dos nenos tutelados pola Administración galega atópanse nesta fórmula de protección, dous puntos por riba que a media española

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, asistiu esta mañá no Edificio Administrativo de San Caetano á presentación da campaña O acollemento é, que é organizada pola Asociación galega de familias de acollida (Acougo) e pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), co obxectivo de sensibilizar e impulsar esta fórmula de protección de menores tutelados polo Goberno galego.

 

Jacobo Rey agradeceu ás dúas entidades a posta en marcha desta campaña para difundir entre a sociedade galega as vantaxes do acollemento familiar. Neste sentido, sinalou que a Xunta de Galicia ten nesta fórmula de protección unha aposta fronte ao residencial, por iso o 55% dos menores en tutela ou garda pola Administración autonómica están nunha familia de acollida, esta porcentaxe é dous puntos máis que a media española.

 

Así mesmo, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica subliñou que para conseguir mellorando a atención ás familias acolledoras é esencial a colaboración con asociacións como Acougo, que están a realizar un traballo excepcional tanto na difusión do acollemento, como no acompañamento e asesoramento ás propias familias.

 

Campaña en redes sociais

Acougo lanza a campaña O acollemento é nas redes sociais para explicar en que consiste o acollemento familiar, un servizo de protección temporal para os nenos tutelados, e os beneficios que implican para as pequenas e pequenos. A partir de experiencias persoais de familias de acollida, achégase ás galegas e galegos a importancia do seu papel.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 31/05/2022