A Xunta avoga por potenciar o talento e a innovación como pancas de desenvolvemento industrial e económico

O director de XesGalicia, Rubén Aguión, participou na xornada de peche do proxecto europeo Spin Up, onde subliñou a aposta da Administración autonómica polo impulso dun ecosistema galego de start ups


XesGalicia ten máis de 34M€ do seu patrimonio asociado a este tipo de empresas, tendo máis de 80 startups en carteira e máis de 17M€ de fondos dispoñibles para novos investimentos nestas compañías
 

Compartir
  • whatsapp

 

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2022 O director de XesGalicia, Rubén Aguión, participou hoxe na xornada de peche, organizada por Uninova, do proxecto europeo Spin Up, centrado na creación de empresas a partir da transferencia de tecnoloxía e coñecemento, onde defendeu a importancia de potenciar o talento e a innovación como pancas de desenvolvemento industrial e económico.

 

“Con este proxecto perseguimos a dinamización da cultura emprendedora a través da innovación aberta nunha contorna empresarial e universitaria”, salientou Aguión, quen destacou, neste marco, o compromiso da Xunta de Galicia cun emprendemento de calidade baseado “tanto na transformación dixital, a innovación e o impulso das tecnoloxías emerxentes como na orientación cara á oferta de servizos e produtos baseados nas novas necesidades dos clientes”.

 

Unha aposta, afondou o director de XesGalicia, que se traduce en iniciativas como as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), ou aeronáutica (BFAero) -que no seu conxunto suman 761 proxectos presentados e que xa deron lugar á creación de máis de 70 novas empresas-.

 

“Neste amplo escenario, gustaríame destacar o papel de XesGalicia no acompañamento das empresas á hora de transformar a economía galega, impulsando o ecosistema de startups e a innovación ao mesmo tempo que promove o retorno do talento”, proseguiu Aguión. Neste sentido, destacou, a sociedade xestora suma máis de 34M€ do seu patrimonio asociado a startups, tendo máis de 80 en carteira e máis de 17M€ de fondos dispoñibles para novos investimentos nestas compañías.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/06/2022