A Xunta leva apoiados máis de 2.900 proxectos que melloran a competitividade das pemes galegas a través do programa ReAcciona

Esta liña suma preto de 13 millóns de euros en axudas desde a súa posta en marcha en 2012, facilitando o acceso a diferentes servizos co asesoramento de expertos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a dixitalización e a innovación

O programa, de carácter eminentemente práctico, busca a profesionalización do tecido empresarial galego ao dotalo dun valor engadido que permita acelerar o proceso de mellora e incorporar novos coñecementos á estrutura das compañías

Co obxectivo de capacitar ás pemes ante os novos retos do mercado, en 2021 activouse o novo paquete ReAcciona covid-19, que sumou cinco novos servizos que atenden á situación económica xerada pola pandemia
 

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O programa ReAcciona, impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape, leva prestado a máis de 2900 proxectos desde a súa posta en marcha en 2012, o que permitiu mellorar a competitividade das pemes galegas, facilitándolles o acceso a servizos de alto valor engadido coa colaboración e asesoramento de expertos.

En total, a través das súas diferentes edicións, o ReAcciona suma preto de 13 millóns de euros en apoios que mobilizan un investimento público-privado final de 15,5 millóns. Con este programa promóvese o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a dixitalización e a innovación.

Durante estes anos, en Galicia puideron impulsarse servizos en ámbitos moi diversos, como o relanzamento comercial, os centrados na produción e cadea loxística, ou os de análise do potencial competitivo. No eido da transformación dixital, as empresas solicitaron diagnósticos de Industria 4.0 e de dixitalización, ademais de solucións de xestión e mobilidade dixital e apoio no márketing.

Así mesmo, tamén se teñen impulsado servizos en innovación, para axudar ás pemes galegas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos; ou no ámbito do desenvolvemento estratéxico, a profesionalización e a dixitalización, con servizos relativos á implantación dunha estratexia dixital da empresa, á ciberseguridade ou o márketing de contidos.

De carácter eminentemente práctico, no desenvolvemento do programa teñen colaborado a Vicepresidencia económica -a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e da Axencia Galega de Innovación (Gain)- e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Durante este tempo, tense adaptado á realidade do tecido empresarial galego. Neste sentido, no 2020 púxose en marcha a liña específica ReAcciona covid-19, que permitiu cooperar coas pemes na conxuntura económica marcada pola pandemia, contribuíndo ao seu impulso e recuperación. 

Cun orzamento de 3,6 millóns, ReAcciona covid-19 sumou cinco novos servizos que atenderon á situación económica xurdida naquel momento. As empresas galegas puideron acceder, así, a prestacións especializadas no relativo á adecuación dos estados financeiros, á transmisión ou adquisición de unidades produtivas, á análise de mercados internacionais, á elaboración de plans estratéxicos de internacionalización e á implementación de procesos acordes á economía circular.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/07/2022