Intervención do presidente da Xunta de Galicia no acto de entrega das Medallas de Ouro de Galicia 2022

Compartir
  • whatsapp

 

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2022
 

Señor Nuncio Apostólico en España,

Señor presidente do Tribunal Constitucional e Medalla de Ouro de Galicia,

Presidente Touriño,

Señor presidente do Parlamento de Galicia,

Señor chanceler das Medallas

Señor Delegado do Goberno en Galicia,

Señor Alcalde de Santiago,

Señora Vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados,

Xeneral xefe da forza loxística,

Vicepresidente primeiro e restantes membros do Goberno de Galicia,

Vicepresidenta e secretaria da mesa do Parlamento de Galicia e restantes membros da mesa do Parlamento,

Parlamentarios do Parlamento de Galicia e parlamentarios no Congreso e no Senado,

Presidentas e presidentes dos órganos estatutarios,

Señor presidente da Real Academia Galega,

Responsable do rexurdir do Xacobeo no ano 93, Víctor Vázquez Portomeñe,

Señor xeneral xefe da Guardia Civil,

Señor xefe superior da Policía de Galicia,

Comisario da Policía Autonómica,

Restantes autoridades,

Señoras e señores,

 

O Camiño de Santiago é a gran contribución de Galicia, sen ningunha dúbida, á cultura universal. Poucos pobos poden presumir de ter aportado ao patrimonio común da Humanidade un tesouro que discorre a través do tempo e cuxo eco se escoita en todas as latitudes.

 

O Camiño é ademais un monumento vivo que non se contempla senón que se experimenta, se sinte e se transmite.

 

Cada peregrino pode considerarse artífice do milagre da ruta xacobea, en unión con todos os que o precederon e con todos os que seguirán a súa pegada no futuro.

 

Ninguén funda o Camiño. Ninguén é o seu propietario. Hai promotores e defensores singulares si, pero sen que iso impida que esteamos diante dunha realidade que xurde grazas a un esforzo plural e colectivo.

 

Non é casual que Galicia sexa orixe e destino do Camiño. Contamos cun pobo que mestura fidelidade ás súas orixes cun dinamismo que lle permite estar en sintonía cos cambios que teñen lugar ao longo da historia.

 

Un pobo capaz de posuír unha robusta identidade, ao tempo que tende a man por riba das fronteiras. Nin fomos, nin somos, nin seremos un país pechado.

 

A nosa apertura ao exterior é un síntoma inequívoco de confianza nas nosas capacidades.

 

A Galicia aberta sabe que atesoura valores que teñen validez universal, e queremos compartilos.

 

A Galicia sen fronteiras aprendeu a enriquecer o propio aproveitando correntes, tendencias e influencias procedentes do exterior.

 

A Xeración Nós condensou esa idea motriz da galeguidade dicindo que Galicia é unha “célula de universalidade”. Xa o era, por certo, cando na meta de chegada dos peregrinos que atravesaban o Pórtico da Gloria, estes peregrinos pensaban que chegaban -hai moitísimos séculos- ao fin do mundo. E volvemos, sen ningunha dúbida, a selo agora cando ese final se convirte nun principio ou en moitos principios prometedores.

 

Ese Nós dos precursores do galeguismo moderno é amplo, integrador, amable e solidario. Aspira a incorporar xentes e culturas, de maneira que Galicia fuxa de calquera illamento empobrecedor. Asume unha identidade que pode sumarse a outras para multiplicar a súa forza no concerto nacional e internacional.

 

Ocorre algo moi semellante aos que somos humildes entusiastas do Camiño. Os peregrinos atopamos a outros peregrinos cos que intercambiamos experiencias cos que enriquecemos a nosa identidade con novas formas de ser e de pensar que hai moitas e moi diversas. A suma desas experiencias dá como resultado un colectivo que está unido desde a pluralidade.

 

O Camiño é unha experiencia de vida única. Desde o Camiño máis curto que ten as mínimas etapas para á compostela a aqueles percorridos máis longos, e hainos moi longos. Todos son unha experiencia de vida, todos son diferentes.

 

Deste xeito, Galicia non é un pobo que mire con receo aos demais. Non consideramos as diferenzas como ameazas senón todo o contrario.

 

Igual que fai o peregrino que emprende a ruta que o leva a Compostela, Galicia é unha peregrina pola historia que comparte inquedanzas e obxectivos cos pobos irmáns. Cos da España común en primeiro lugar; pero tamén cos de Europa e cos pobos do resto do mundo que cada vez en máis número acoden á Santiago como peregrinos.

 

Non é casual que a etapa máis fecunda da historia de Galicia coincida co momento de máximo esplendor do Camiño de Santiago.

 

É como se os galegos nos inspirásemos nos valores da ruta xacobea para establecer as pautas deste período marcado pola democracia e pola autonomía. No Camiño desembocan moitos camiños, e nel se atopan peregrinos de orixes e pensamentos moi diversos.

 

Na democracia galega se agrupan soños de liberdade que admiten moitas versións e moitos puntos de vista. O Camiño, igual que a nosa autonomía, permite que discorran por el proxectos persoais e colectivos unidos sempre, ou así debería ser, pola tolerancia.

 

En xusta contrapartida a esta inspiración, Galicia traballa orgullosa para engrandecer a tradición xacobea. Cando digo Galicia non o fago en termos retóricos porque nesa tarefa participou e participa realmente e orgullosamente o conxunto do pobo galego.

 

Ninguén é alleo a un esforzo común que se veu coroado por un éxito que non é ocasional e si que é incesante, como o confirman as estatísticas que nos acreditan que cada vez chegan máis peregrinos e cada vez de máis lugares.

 

De aí que todos os galegos sexan merecedores destas medallas que entregamos no Día de Galicia.

 

Na súa representación galardoamos, podían ser moitos e moitas máis, pero todos estaremos de acordo en que galardoamos a cinco persoas que o merecían realmente, a cinco persoas e institucións que son portadoras dos selos que identifican ao Camiño.

 

O Camiño supón, por riba de todo, unha espiritualidade integradora sen a cal todo o demais ou non se entendería ou non sería posible. Un dos grandes artífices deste logro é don Julián Barrio Barrio que, dende 1996, desenvolve un traballo xeneroso e incesante que consegue que a efeméride xacobea manteña o seu fundamento cristián, sen excluír outras manifestacións espirituais. Velaí outra integración que amplía o atractivo do Camiño.

 

Ese mérito do arcebispo de Santiago vese incrementado polo seu talante, eu son testemuña directa, sempre amable e disposto á colaboración coas Administracións públicas a prol desta obra común. Porque entende sempre que é posible unha vertente de desenvolvemento socieconómico e turístico do Xacobeo que, é tanto dicir como de Galicia, sen perder as esencias cristiás que él preserva e garante.

 

O medievalista Paolo Caucci von Saucken sentiu como tantos outros a chamada do Camiño e a el dedicou a súa vasta sabedoría e a súa enorme traxectoria profesional, como demostra unha dedicación de 25 anos no Comité de Expertos do Camiño de Santiago. Contribuíndo coa súa tarefa a ese prestixio necesario para que este fenómeno imparable e incesante do que falaba antes o sexa realmente, contribuíndo a que todo o que acadou o Camiño de Santiago sexa sobre bases sólidas que veñen deses estudos rigorosos que acreditan que o se que conta é verdade, está documentado e, polo tanto, pódse tomar como propio.

 

Adoita dicir que “no Camiño hai moitos soños” e probablemente un deles sería, 25 anos despois, deixar o Camiño na súa vertente científica e estudosa ao nivel ao que o deixa Paolo Caucci.

 

A identidade do Camiño defínese tamén pola hospitalidade, descrita xa no século XII no Códice Calixtino. Referíndose aos peregrinos di que “todo o que os recibe e hospeda con esmero, terá como hóspede non soamente ao apóstolo Santiago senón tamén ao mesmo Señor”.

 

Os que primeiro compren esta misión son os hospitaleiros e hospitaleiras anónimos que levan tempo traballando, facendo ese Camiño acolledor e que creo que hoxe merecían este recoñecemento representado na persoa de Begoña Valdomar Insua, hospitaleira que con xesto amable recibe aos peregrinos que chegan ao albergue de Fisterra. 

 

Begoña e a todos os que representa xustifica co seu labor a nosa imaxe de terra acolledora. Demostra que algúns dos máis nobres principios humanos –a acollida, o afecto e a solidariedade— poden atoparse en todos os fins. Concretamente, no da Terra e no do Camiño. En Fisterra e en tantos albergues ao longo dos miles de quilómetros que teñen os nosos camiños.

 

Poderíamos sintetizar o fermoso obxectivo da Asociación Discamino, dicindo que consiste en lograr que ninguén quede excluído do Camiño.

 

Desde agosto de 2009, e probablemente desde moito antes, Discamino acumula innumerables que historias de esforzo e superación, que son as que valen de verdade e as que nos ensinan que a vontade das persoas con diferentes capacidades, supera calquera barreira coa aperta de brazos solidarios. E para iso fai falla atopar a fortaleza, a xenerosa entrega, a vontade a proba de calquera esforzo de Javier Pitillas e do seu equipo.

 

Teño que agradecerlle como humilde acompañante, aínda que os acompaño moito menos do que me gustaría, que me dean dos mellores momentos da miña vida. Merecen todo o recoñecemento polo esforzo anónimo que seguen facendo. -Hoxe mesmo os sacamos do seu Camiño, os trouxemos de Astorga e volverán a Astorga outra vez para seguir o Camiño-. Bo Camiño, a ti Javier, e a todos.

 

A figura de José Carro Otero leva consigo outro valor definitorio do Camiño: o tesón. Facía falta moito tesón no ano 1993 para, xunto con Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, traballar na plena recuperación dunha tradición xacobea que hoxe é o que é, pero non o era naquel momento. Facía falta moito esforzo, moito tesón e moita fe.

 

El fíxoo como primeiro comisario do Xacobeo, e moito antes grazas as súas investigacións e a súa devoción por todo o que tiña que ver coa catedral de Santiago e o Camiño. Médico destacado, José Carro Otero pertencía a ese largo elenco de doutores humanistas ocupados e preocupados polo “ser” de Galicia. Alfonso Rodríguez Castelao, Roberto Nóvoa Santos, Domingo García Sabell, Agustín Sixto Seco, Xerardo Fernández Albor, e o propio José Carro Otero, exerceron un humanismo que nos fixo mellores como pobo.

 

No caso da persoa que hoxe distinguimos a título póstumo, non cabe dúbida de que fixo máis grande o Camiño e de que todo ao que se dedicaba na súa vida – e que sempre facía cun sorriso e cunha palabra amable- será preservado e recordado con moito orgullo polos seus fillos a través desta medalla absolutamente merecida.

 
 

Señoras e señores. Celebramos este 25 de Xullo como “a festa de todas as festas”. Facémolo en medio de problemas, desacougos e incertezas que non podemos nin debemos, nin queremos esquecer nin ignorar.

 

Non esquecemos a angustia experimentada polas persoas que estes días –sobre todo no Courel e en Valdeorras— viron calcinadas as súas pertenzas pola virulencia extraordinaria e indiscriminada dos incendios forestais.

 

A Galicia que camiña xunta é a que tamén se apoia xunta. Vai ser a que prestará apoio para que os afectados poidan recuperar canto antes o perdido.

 

Como tantas veces, esta comunidade terá que dar e vaino facer o mellor de si ante a desgraza e o infortunio. Así o demostraron todos os que traballaron duramente estas semanas, os que traballaron en anos anteriores, todo o operativo contras os lumes -as brigadas, as forzas e corpos de seguridade, os responsables municipais- e todos os voluntarios, todas esas persoas que volveron acreditar o seu tesón, a súa profesionalidade e para os que desde aquí vai toda a nosa admiración e respecto.

 

É o mesmo que fixeron hai nove anos todos os que traballaron no accidente de Angrois para auxiliar ás vítimas, para consolar ás súas familias. Tamén para eles quero trasladar un recordo e a nosa gratitude e admiración.

 

Os desafíos aos que nos enfrontemos poden adoptar facianas diversas, pero todos demandan cohesión. A guerra, a inflación, as secuelas da pandemia, os problemas enerxéticos, fan que o futuro se vexa con moito receo. Seino eu perfectamente, sábeno os que estades hoxe aquí e sabeo todo o mundo que vive a vida día a día coas súas circunstancias, cos seus problemas e os seus retos.

 

Non existen receitas infalibles pero si ensinanzas que aporta o propio Camiño, testemuño de moitos momentos aciagos na Historia, de moitos momentos de gloria, pero tamén de moitos momentos de esquecemento cando parecía que nada tiña solución e que todo acababan aí.

 

O gran cómplice das dificultades polas que atravesamos sería a desunión. A unión está no cerne da tradición xacobea. A unión é unha proclama constante do galeguismo.

 

Todos os riscos e ameazas se agrandan cando atopan a un pobo fragmentado e sumido en preitos inútiles.

 

Pola contra, as ameazas e os riscos son superables se acentuamos aquelo que nos uno e que nos é común.

 

Reiteremos neste 25 de Xullo que Galicia é o que nos une, e que unidos somos máis Galicia. Estamos xuntos no Camiño e xuntos tamén superaremos as dificultades que teñan que vir.

 

Moitas grazas. Feliz Día de Galicia.

 
 
 
 
 
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/07/2022