A Xunta pon en marcha a plataforma de mobilidade 4.0 para avanzar cara a un modelo de transporte dixital e sustentable

Explica que a ferramenta suporá vantaxes como a incorporación dunha app móbil para que o ususario dispoña da oferta de transporte público; e a implantación dun novo sistema de pago en conta que permitirá ao viaxeiro pagar co móbil

Afirma que a Plataforma suporá “un salto adiante e un incentivo” cara a consecución da sustentabilidade na mobilidade

Enmárcase no Plan de transporte público de Galicia que, entre outros obxectivos, busca facilitar a accesibilidade ao transporte público para reforzalo como alternativa fronte ao vehículo particular

Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha da plataforma de Mobilidade 4.0 para avanzar cara a un modelo de transporte dixital e sustentable. O Consello do Goberno galego aprobou hoxe o contrato que permitirá o deseño, desenvolvemento, implantación, soporte, mantemento e operación desta plataforma por un valor estimado de 9,4 millóns de euros, tendo en conta as posibles modificacións e prórrogas.

Rueda lembrou a necesidade de que o transporte “sexa cada vez máis sustentable, coa axuda da incorporación da tecnoloxía”, e por iso, explicou que a plataforma suporá vantaxes como a incorporación dunha app móbil de fácil emprego para que o usuario dispoña de toda a oferta de transporte público de Galicia; a recollida de todos os modos de transporte alternativos ao vehículo privado en tempo real e a implantación dun sistema de rexistro, pago e reserva de servizos.

Na mesma liña, o mandatario autonómico explicou que o novo sistema de pago en conta da plataforma permitirá ao viaxeiro pagar co móbil con só pasar polos escáner que rexistrarán onde se sube e onde se baixa cada usuario. “Isto suporá un novo salto adiante e un incentivo para a xente moza, aínda que non só, para seguir impulsando un transporte público sustentable”, sentenciou.

A nova plataforma financiarase con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, concretamente no marco dos compoñentes 1 e 6. Esta iniciativa está enmarcada no Plan de transporte público de Galicia que, entre outros obxectivos, busca facilitar a intermodalidade e a accesibilidade ao transporte público para reforzalo como alternativa fronte ao vehículo particular e en liña co establecido no Plan estratéxico de Galicia 2022-2030, eixe E2. Galicia verde e sustentable, e no eixe 5 da estratexia Galicia dixital 2030, Conectividade dixital do territorio, e o programa 14: Transporte e mobilidade dixital e sustentable.

Web e App como puntos de acceso e xestións das viaxes
A plataforma galega de Mobilidade 4.0 irá acompañada do desenvolvemento dun portal web e dunha aplicación móbil que disporá, entre outras funcionalidades, dun planificador multimodal, que integrará nun punto único toda a oferta de transporte e mobilidade da Comunidade Autónoma baixo unha visión MaaS (Mobilidade como servizo). Este novo portal irá incorporando a información de todos os modos de transporte alternativos ao vehículo privado, ofrecerá información en tempo real e permitirá empregarse como un sistema de rexistro, de pagamento e de reserva de servizos válido. A nova plataforma integrarase co Sistema de axuda á explotación da mobilidade de Galicia (Saegal).

Novo paradigma de pagamento
Outro dos obxectivos desta iniciativa é introducir un novo paradigma de pagamentos denominado pagamento baseado en conta (Account Base Ticketing - ABT), que supón un cambio do modelo actual «pague e viaxe» a un modelo «viaxe e xa pagará». Deste xeito o viaxeiro poderá elixir o pagamento mediante móbil, tarxeta bancaria ou unha nova tarxeta de mobilidade de Galicia (TMG) sen contactos.

Para isto, os soportes físicos actuais (tarxeta TMG) converteranse en meros tokens de identificación do pasaxeiro no autobús, simplificando a acción que realizan as máquinas canceladoras. Estas só deberán identificar o viaxeiro, onde sobe e onde baixa. Cando as máquinas envíen esta información ao sistema central, será este último quen realice o cálculo do prezo da viaxe tendo en conta o perfil do usuario e os descontos a que teña dereito e procederá ao cobramento da viaxe no moedeiro virtual do usuario (modo prepagamento) ou no medio de pagamento definido polo usuario (modo pospago). O contrato prevé a expedición de 120.000 novas tarxetas.

Máis de 15 millóns de viaxeiros en 2022
No primeiro semestre deste ano o transporte público regular por estrada deu servizo a 15 millóns de viaxeiros. En 2021 realizáronse máis de 14,4 millóns de viaxes, a través das 127 concesións de transporte público, e superáronse os 57 millóns de quilómetros de servizo ao ano a través de 3.470 liñas, 53.000 paraxes e 2,3 millóns de servizos de transporte ao ano. Estas cifras, aínda condicionadas pola emerxencia sanitaria derivada da pandemia, dan conta da importancia e demanda deste servizo, que é previsible que se vexan incrementadas de xeito significativo.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/08/2022