A Xunta inicia os contactos con representantes municipais e do sector empresarial para definir actuacións que favorezan a recuperación da actividade turística no Courel e Valdeorras

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe nunha reunión na que se presentaron varias liñas de traballo para apoiar ao tecido socioeconómico de ambas zonas
 

Entre as medidas adoptadas polo Goberno galego está o desenvolvemento dun acordo coa Asociación Galega de Axencias de Viaxes, AGAVI, para crear novos produtos turísticos que poñen en valor os produtos endóxenos
 

Compartir
  • whatsapp

Folgoso do Courel (Lugo), 11 de agosto de 2022 Co obxectivo de favorecer a recuperación da actividade turística no Courel e Valdeorras así como apoiar o tecido socioeconómico con medidas de reactivación, a directora de Turismo de Galicia reuniuse hoxe en Folgoso do Courel con representantes municipais e do sector na que se expuxeron distintas liñas de actuación.

Nava Castro indicou que a situación provocada polos lumes determinaba levar a cabo “accións de xusta solidariedade cos territorios afectados” e así manifestou que desde o punto de vista da actividade turística, é preciso artellar mecanismos de colaboración para atender á pronta recuperación destas comarcas contribuíndo así a manter a actividade económica do territorio.

Nesta reunión, na que tamén participaron a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro; o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; o presidente de AGAVI, Juan Rivadulla; o presidente da Federación Galega de Turismo Rural, Francisco Xabier Almuíña, e representantes de establecementos e servizos turísticos das comarcas afectadas, presentouse tamén o convenio que subscribirá Turismo de Galicia con AGAVI para a creación de novos produtos turísticos que poñan en valor os recursos máis destacados destas zonas.

Estes produtos incluirán seis categorías con paquetes orientados aos espazos naturais, turismo ornitolóxico, turismo activo e turismo de aventura.

Ademais, desenvolveranse produtos turísticos que axuden á posta en valor do patrimonio, tanto material como inmaterial; paquetes centrados na enogastronomía; outros con atractivo específico como o starlight, turismo industrial ou actividades que poñan en valor o atractivo turístico dos encoros, así como paquetes relacionados co Camiño de Inverno e outros que poidan poñer de relevancia outros recursos turísticos endóxenos.

A través deste acordo crearanse 45 paquetes turísticos cun investimento de máis de 90.000 euros.

As actuacións a levar a cabo neste convenio contribuirán a mellorar o posicionamento turístico e especialmente a súa chegada efectiva no mercado. Para iso contarase coa participación das axencias de viaxe minoristas que teñen chegada ao cliente final, que servirán como aliadas para posicionar os produtos turísticos e os atractivos destas zonas do interior de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/08/2022