As axudas do programa da Xunta Muller 22 de impulso á contratación poden solicitarse ata o 30 de setembro

Os incentivos achéganse ata os 6.000 euros para a contratación de mulleres desempregadas por parte de empresas, autónomos, entidades de economía social e sen ánimo de lucro

O programa enmárcase no Plan Emprega Muller ao que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a destinar este ano case 36M€ para a formación, o acceso, o mantemento e a promoción profesional das traballadoras

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberto ata o vindeiro 30 de setembro o prazo de solicitude para que entidades, empresas e persoas autónomas poidan acceder ás axudas do Programa Muller 22. Estes apoios contan cun orzamento de 6 millóns de euros e poden chegar aos 6.000 euros. A previsión é contratar ata 1.000 mulleres desempregadas con desvantaxes e dificultades particulares para acceder ou permanecer no mercado de traballo.

O obxectivo consiste en contribuír á incorporación das traballadoras ao mercado laboral no actual contexto socioeconómico. Para isto, persoas traballadoras autónomas, empresas, entidades de economía social e entidades sen ánimo de lucro poden solicitar os apoios ata o próximo 30 de setembro a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.

As mulleres desempregadas deberán figurar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.  

O Programa Muller 22, que se financia con cargo aos fondos Mecanismo de recuperación e resiliencia, enmárcase no Plan Emprega Muller que este ano ten en marcha a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 35,8 millóns de euros co fin de atender ás necesidades laborais e de formación das mulleres, como colectivo prioritario. Este Plan artéllase en 8 programas específicos que inclúen apoios integrais para a formación, o acceso, o mantemento, a consolidación e a promoción profesional das mulleres galegas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/08/2022