Os premios da Cultura Galega 2022 recaen en Marica Campo, María Victoria Carballo-Calero, Melania Cruz, Música en Compostela, Xosé Manuel Gayoso, Manuel González, Xacarandaina e o programa ConCiencia
O xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reuniuse hoxe para distinguir os galardoados nas modalidades de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior
O Goberno autonómico recoñece un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección cultural de Galicia
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2022 O xurado dos Premios da Cultura Galega 2022 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.
Ao remate da mesma, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas:
Categoría | Premiado/a |
Letras | Marica Campo |
Artes Visuais | María Victoria Carballo-Calero |
Artes Escénicas | Melania Cruz |
Música | Cursos Universitarios Internacionais Música en Compostela |
Audiovisual | Xosé Ramón Gayoso |
Lingua | Manuel González |
Patrimonio Cultural | Xacarandaina |
Proxección Exterior | Programa ConCiencia |
Do xurado tamén formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a coordinadora de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, Rebeca Blanco Rotea; o académico da Real Academia Galega de Belas Artes, Xurxo Lobato, así como profesionais da cultura de Galicia de recoñecido prestixio como Zaza Ceballos, produtora audiovisual e galardoada nos Premios da Cultura Galega 2021; Elena Pardo, directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, e Xosé Eduardo López-Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo.
Con estes galardóns, a Xunta de Galicia distingue un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.
Pódese ampliar a información sobre cada un dos premiados no dossier que se achega.