As familias beneficiarias do vale da Xunta para a compra de material escolar poden recoller o cheque adicional a partir do luns no seu centro

Máis de 90.000 alumnos que xa recibiron a axuda de 50€ obterán agora outra de 25€ sen facer ningún trámite adicional
 

A contía total de 75€ será entregada tamén a calquera outro estudante que se incorpore durante o curso e teña dereito a ela
 

A Consellería de Educación amplía a partida de 5,5M€ prevista inicialmente para este fin ata case 8M€ para así contribuír a paliar á alza dos prezos pola inflación
 

Esta nova acción enmárcase nas distintas medidas postas en marcha polo Goberno galego para aforrarlle este curso ás familias 107M€

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2022 As familias beneficiarias do vale da Xunta para a compra de material escolar poden recoller o cheque adicional a partir do luns no seu centro educativo. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución que amplía as axudas para adquirir material escolar, a través da que os máis de 90.000 alumnos que xa recibiron 50€ obterán agora outros 25€ sen facer ningún trámite adicional. Ademais, o alumnado que se incorpore ao sistema educativo galego durante o curso, ata o 31 de marzo de 2023, e que teña dereito a recibir esta axuda, tamén poderá solicitala.

 

Cómpre lembrar que, en conxunto, o 75% dos alumnos galegos reciben axudas da Xunta para libros de texto, libro electrónico ou material no marco dun dos programas máis xustos do Estado, dado que vai en función da renda familiar, beneficiando máis aos que menos teñen. En concreto os vales de material van dirixidos ao alumnado matriculado en Educación Primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000€. O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta e o de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% recibe esta axuda con independencia da renda.

 

Para facer posible este incremento do 50% no importe das axudas de adquisición de material, o Goberno galego ampliou a partida de 5,5M€ prevista inicialmente para este fin ata case 8M€. O obxectivo é contribuír a paliar a alza dos prezos pola inflación, de tal forma que non afecten aos cidadáns. Esta nova acción enmárcase nas distintas medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para aforrarlle este curso ás familias 107M€ e que chegan tamén a outros ámbitos como os comedores ou as taxas universitarias.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/10/2022