Rueda garante o apoio da Xunta á construción para afrontar a alza de custos e pon en valor a calidade, unidade e a formación como claves para a súa fortaleza

Avanza un “ano decisivo” con “licitacións potentes” en obra pública en Galicia e que condiciona a axilización por parte do Goberno central dos fondos europeos
 

Defende que se trata dun sector a “coidar” pola Administración xa que supón uns 80.000 empregos en Galicia e que aglutina o 10% das empresas da comunidade
 

Enxalza como “iniciativa pioneira” a sinatura dun acordo da Administración galega coa Fundación Catedral e a Fundación Laboral da Construción para formar operarios no eido da restauración do patrimonio
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu hoxe o apoio do Goberno galego á construción para afrontar a alza de custos e puxo en valor a calidade, sustentabilidade, a unidade e a formación como claves para a súa fortaleza, sobre todo de cara a un “ano decisivo”.

“É un sector que temos que coidar”, defendeu Rueda, quen argumentou que se trata dunha actividade “fundamental para Galicia, xa que é símbolo de potencia económica”. “Se funciona o sector da construción é porque está funcionando o tecido económico”, aseverou o mandatario galego durante a súa participación hoxe na sinatura dun protocolo de colaboración entre a Xunta, a Fundación Laboral da Construción e a Fundación Catedral para formar operarios no eido da restauración.

Na súa intervención, o presidente da Xunta incidiu na importancia dun sector que supón 80.000 empregos en Galicia e que aglutina ao 10% das empresas da comunidade, un peso que xustifica que o Goberno galego redobrara esforzos para, entre outras cuestións, minimizar o impacto da suba de prezos de materiais, transporte e enerxía que as firmas que traballan neste eido veñen padecendo nos últimos tempos.

O presidente da Xunta lamentou que o Goberno central derrogara o regulamento posto en marcha o ano pasado polo Goberno galego para facer fronte a estes incrementos e que despois fose o propio Executivo estatal o que habilitara un propio sen consulta previa ás CC.AA.

Sistema permanente de actualización de prezos

Malia iso, Rueda puxo en valor que a Xunta atendeu solicitudes de revisión extraordinaria de prezos e puxo en marcha os mecanismos necesarios para atender as 38 peticións recibidas na Axencia Galega de Infraestruturas, o que garantiu a execución de proxectos clave como a intermodal de Vigo, a ampliación do IFEVI ou da avenida do Polígono de Sabón, a autovía Nadela-Sarria, ademais da vía de alta capacidade Tui-A Guarda, en plena construción.

Neste senso, a Xunta está a impulsar un sistema permanente para a actualización das bases de prezos, xa que, segundo argumentou Alfonso Rueda, facilitará que as licitacións saian nos termos máis axeitados e facilitará que os proxectos sexan finalmente viables.

Ano de licitacións potentes

Na súa intervención, o presidente da Xunta anunciou un ano de “licitacións potentesdesde o punto de vista da obra pública en Galicia e que condicionou aos fondos europeos. Por este motivo, insistiu na importancia da axilización destes “moitos cartos” por parte do Goberno central para facer realidade un “ano decisivo” no eido da construción en Galicia.

Rueda tamén afondou nas fortalezas nas que se debe afianzar o sector galego e que, segundo avogou, pasa por avanzar en tres camiños: o da calidade e da sustentabilidade, coa promoción de selos de boas prácticas; o da unidade, coa suma de forzas de toda a cadea de valor da construción, e o da formación, para atraer ás novas xeracións e garantir a remuda xeracional no sector.

Nesa aposta pola profesionalidade no sector, Rueda lembrou que o Goberno galego dedicou máis de 620.000 euros a colaboracións coa Fundación Galega da Construción para formar a preto de mil persoas e está a traballar para expedir a Tarxeta Profesional da Construción para os titulados da Formación Profesional, para que poidan acreditar os seus coñecementos. Así mesmo, estanse a impulsar os ciclos de FP orientados ao sector, con máis apoio á formación dual ou optimizando as sinerxías coas empresas.

Formación de operarios na restauración do patrimonio

Neses obxectivos encádrase tamén o protocolo de colaboración asinado entre a Xunta, a Fundación Laboral da Construción e a Fundación Catedral para a formación de operarios en restauración. Trátase de aproveitar a experiencia na rehabilitación de monumentos da fundación catedralicia para avanzar cara a figura do coidador de edificios patrimoniais, cada vez máis pertinente en Galicia.   

O presidente da Xunta cualificou esta iniciativa de “pioneira e necesaria”, á que vez que lle augurou moito futuro para atraer a xente moza a esta vertente especializada da construción, tanto para atopar traballo dentro de Galicia como fóra da comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/01/2023