A Xunta licita por máis de 150.000 euros as obras de mellora do espazo público que leva á igrexa de San Xiao de Lobios, en Sober

A actuación enmárcase no plan Hurbe, impulsado en 2010 para apoiar ás entidades locais en proxectos que melloren as condicións e a calidade de vida da súa veciñan-za

Desde entón, só na provincia de Lugo leváronse a cabo un total de 85 actuacións

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia acaba de licitar por algo máis de 150.000 euros as obras de mellora do espazo público que conecta coa igrexa parroquial de San Xiao de Lobios, situada no núcleo do mesmo nome.

Tras o convenio de colaboración asinado o pasado mes de novembro entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Sober, levaranse a cabo traballos de urbanización nunha área de 1.762 metros cadrados nos lugares de Lobios e Cima da Lama.

 

Concretamente, o proxecto renovará o espazo público que leva á igrexa de San Xiao mediante a recuperación do campo da festa, a creación de catro prazas de aparcamento, a instalación de mobiliario urbano e a habilitación dun paso de peóns sobre a estrada para conectalo coa capela. Ademais, na porta do adro da igrexa está previsto crear unha praza cun banco e iluminación.

 

Tamén se intervirá na contorna do cruceiro, onde se planea introducir unha nova pavimentación, instalar unha luminaria e un banco, e no emprazamento dos contedores de lixo para introducir un elemento de madeira que diminúa o impacto visual.

 

A obra acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.

 

Desde entón, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 400 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

 

De feito, só na provincia de Lugo foron comprometidas ou executadas desde entón ao abeiro deste programa un total de 85 actuacións, incluída a que se acaba de licitar no concello de Sober.

 

A Xunta destinará 8,6 millóns de euros este ano a seguir apoiando ás entidades locais galegas na execución deste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

Data de actualización: 15/01/2023