A Xunta activa para mañá unha alerta vermella por temporal costeiro no litoral da Coruña

Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de ata 9 metros

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
 

 

 Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2023- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar para mañá unha alerta vermella por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña.  
 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel vermello comezará a media tarde da xornada de mañá na costa oeste e noroeste da Coruña. Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de ata 9 metros. Cómpre lembrar que xa na xornada de hoxe se está a rexistrar en todo o litoral galego un fenómeno meteorolóxico de nivel laranxa que continuará mañá, con ondas de ata 8 metros.

 

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 

A alerta por temporal costeiro súmase á laranxa por nevaradas que xa foi tamén activada para mañá nas zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense, e á amarela no interior da Coruña; na Mariña lucense e no centro e sur de Lugo; nas zonas do noroeste, sur e Valdeorras e no interior da provincia de Pontevedra. Por este motivo, lémbrase que se suspende o transporte escolar toda a xornada do martes nas montañas de Lugo e Ourense e durante a tarde nas zonas do interior da Coruña, interior de Pontevedra, centro de Lugo, sur de Lugo, noroeste de Ourense, sur de Ourense e Valdeorras

 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 16/01/2023