A Xunta destaca que a estabilidade de Galicia permite que os orzamentos entren en vigor cada ano en tempo e forma

Miguel Corgos participou nun almorzo informativo con empresarios organizado por APD onde subliñou que estas contas se elaboraron para dinamizar a economía e mitigar a suba de prezos
 

Estes presupostos achegan certezas aos axentes económicos e á cidadanía e ascenden a 12.600 M€
 

Ademais, reforzan o gasto social e os investimentos, volven baixar impostos e consolidan as rebaixas xa aprobadas
 

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023 O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe que a estabilidade institucional e política de Galicia permite que os orzamentos da Comunidade entren en vigor cada ano en tempo e forma.

Así o explicou durante a celebración dun almorzo-coloquio informativo con empresarios organizado pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) en colaboración con Caixa Rural Galega, onde subliñou que estas contas achegan certezas aos axentes económicos e á cidadanía, algo esencial para favorecer o crecemento económico.
 
Neste sentido, o conselleiro subliñou que os orzamentos deste ano se elaboraron co obxectivo de contribuír a mitigar os efectos da suba de prezos, sobre todo nos sectores máis vulnerables; favorecer un impulso para dinamizar a economía nun momento de ralentización da actividade; e proseguir coa modernización dos servizos públicos.
 

Modelo fiscal propio

Durante a súa intervención, Miguel Corgos explicou que Galicia ten un modelo fiscal propio e previsible cunha senda propia desde hai máis dunha década. Neste sentido, sinalou que neste 2023 as familias son o centro das políticas de loita contra a inflación mediante baixadas nos impostos. O obxectivo é mitigar os efectos da inflación na renda dispoñible das familias e reforzar o impulso da reactivación económica.

Neste marco, e entre outras medidas, o conselleiro explicou que se deflactan con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2022 os tres primeiros tramos do IRPF e rebáixase o tramo máis baixo, e auméntanse os mínimos persoal e familiar; o que beneficiará con máis intensidade ás rendas máis modestas.De media, cada contribuínte galego pagará 476 euros menos que no ano 2009.

Ademais, segundo explicou o conselleiro, os orzamentos deste ano tamén reforzan con máis de 500M€ adicionais cinco liñas prioritarias de actuación para acompañar a familias e empresas nesta conxuntura de alza de prezos e con medidas para impulsar a competitividade.

 

As liñas de actuación inclúen medidas de apoio e protección das familias e das persoas máis vulnerables; medidas de aforro e eficiencia enerxética; medidas de dinamización económica; medidas de protección do medio ambiente, loita contra a seca e o cambio climático; e finalmente medidas de fortalecemento dos servizos públicos autonómicos.

Estas cinco liñas están perfectamente encaixadas na planificación deseñada no Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, de feito, estes son os primeiros orzamentos en clave Galicia 2030 nos que se inclúen as prioridades dos eixos e obxectivos estratéxicos da folla de ruta trazada pola Xunta para esta década.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2023