A Xunta amplía a alerta laranxa por nevaradas nas zonas de montaña de Lugo e Ourense ao sur da provincia ourensá

Prevense acumulacións de neve en 24 horas de 20 centímetros por riba dos 800 metros de altitude
 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
 

Suspéndese o transporte escolar durante toda a xornada de mañá dos centros educativos situados nos concellos das zonas de predición das montañas de Lugo e Ourense e sur de Ourense
 

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de ampliar a alerta laranxa por nevaradas nas zonas de montaña das provincias da Coruña e Lugo tamén ao sur de Ourense.

A alerta está activa desde esta mañá e afecta sobre todo ás áreas de montaña de Lugo e Ourense con acumulacións de neve en 24 horas de 20 centímetros por riba dos 800 metros e coa probabilidade de que se acumulen espesores de 5 centímetros en calquera cota. No caso do sur de Ourense poden acumularse máis de 5 centímetros de neve en calquera altitude.

Ademais, o nivel de aviso é amarelo por nevaradas e debido a acumulación de neve de 4 centímetros entre os 300 e os 500 metros de altitude no interior das provincias da Coruña, Lugo e Ourense; na Mariña lucense e no centro desta provincia; así como no noroeste e na zona de Valdeorras da provincia ourensá.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Ante as nevaradas, recomendase evitar as viaxes en automóbil sempre que non sexan necesarias e levar sempre o depósito cheo. Tamén se recomenda usar a roupa e calzado axeitado, evitar que persoas maiores saian á rúa e ter a man lanternas e cadeas.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Transporte escolar

Pola súa banda, a Comisión Escolar de Alertas volveu reunirse hoxe para avaliar a evolución da situación. Acordou a suspensión do transporte escolar durante toda a xornada de mañá mércores 18 dos centros educativos situados nos concellos das zonas de predición das montañas de Lugo e Ourense e sur de Ourense, mentres que no resto si funcionará. En todo caso, recoméndase o seguimento das condicións meteorolóxicas nas zonas do interior da Coruña, interior de Pontevedra, centro de Lugo, sur de Lugo, noroeste de Ourense e Valdeorras.

No referido á xornada de hoxe, martes 17, mantéñense as medidas comunicadas onte.
 
Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado, os directores poderán adoptar as decisións oportunas respecto das actividades no exterior do centro educativo ou sobre as actividades extraescolares. Adicionalmente extremaranse as condicións de circulación do transporte con seguimento das condicións climáticas.
 
Na Comisión Escolar de Alertas participan membros da Dirección xeral de Emerxencias e Interior, da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), da Subdirección de Meteoroloxía e Cambio Climático (MeteoGalicia) e das consellerías de Educación e Mobilidade.
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2023