A Xunta retirou o ano pasado máis de 22.200 niños de vespa velutina no marco do plan acordado cos concellos

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, reuníronse hoxe con representantes da empresa pública Seaga encargada da retirada dos niños e da central de chamadas do 012 para abordar a renovación da encomenda
 

No terceiro ano en vigor do plan xa se adheriron 306 concellos, o 98% do total
 

Na época estival e de maior proliferación da especie, a Xunta volveu reforzar a liña do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 para dar conta dos avisos ampliando o seu horario
 

A Xunta tamén habilitou o pasado xullo un chatbot complementario ás chamadas ao 012 que permite contactar co servizo 012 as 24 horas do día e os 365 días do ano e desde o que se xestionaron máis de 4.400 avisos
 

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo hoxe balance do Plan de loita contra a vespa velutina acordado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e destacou que o ano pasado o operativo de Seaga encargado da encomenda  retirou máis de 22.200 niños.

Así o explicou durante unha reunión no Centro de Atención as Emerxencias (CIAE) 112 Galicia con representantes da empresa pública Seaga e da central de chamadas do Teléfono de Información e Atención á Cidadanía 012, na que tamén participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo.

No encontro abordouse a renovación para o próximo ano da encomenda a Seaga no marco deste Plan a través do que a Xunta ofrece unha atención centralizada e coordinada cos concellos para facer fronte ao aumento da presenza da vespa velutina en Galicia nos últimos anos. Trátase dun Plan que desde a súa posta en marcha en 2020 conta xa con 306 concellos adheridos, o 98% dos municipios galegos.

A Coruña é a provincia que rexistrou un maior número de niños eliminados ou neutralizados o ano pasado, con 10.352, seguida dos 6.899 da provincia de Pontevedra. En Lugo e Ourense retiráronse 2.918 e 2.054 niños, respectivamente. Cómpre sinalar que no terceiro ano en vigor do plan foron xa 306 os concellos que se adheriron, o que representa un 98% dos municipios da comunidade.
 

Desde a alerta recibida no Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012, o prazo medio para a retirada dos niños é de 5 días hábiles. O período pode ser maior en casos onde son inalcanzables ou dificilmente accesibles e requiren actuacións complementarias ou permisos administrativos ou de propietarios.

Ademais, hai outros casos que se constata que son niños inactivos que xa non teñen actividade de vespa asiática ou que non procede actuación porque están situados en zonas onde non se poden visualizar de maneira directa, pertencen a outras especies distintas da vespa velutina ou xa foron retirados previamente á visita por parte do persoal de campo.
 
Cando os avisos se corresponden cunha urxencia ou son de risco especial por estar en lugares moi concorridos son derivados aos servizos a través do 112. Do mesmo xeito e en sentido contrario, atendéronse o ano pasado máis de 3.000 avisos que nun principio foran asignados como emerxencias.
 
Natalia Prieto lembrou que, ao igual que en anos anteriores, a cifra máis elevada de avisos rexistrouse en agosto cun total de 7.231, concentrándose ademais a metade nos meses de verán. Por iso, na época estival, que coincide precisamente coa de maior proliferación da velutina, o Goberno galego volveu reforzar a liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 para estender a súa cobertura a todos os días da semana entre mediados de xullo e mediados de setembro.

A maiores, a Xunta continuou a traballar na implantación das novas tecnoloxías para habilitar novas formas de contacto cos cidadáns. Nesta liña, o pasado xullo entrou en funcionamento un chatbot complementario ás chamadas ao 012 que permite contactar co servizo 012 as 24 horas do día e os 365 días do ano e desde o que se xestionaron un total de 4.409 avisos desde a súa posta en marcha. Trátase dunha contorna de chat similar á doutros servizos en liña, que conta con opcións pechadas de resposta para guiar as persoas usuarias co obxectivo de rexistrar o aviso de forma adecuada.

O Goberno galego mantivo ademais o servizo de comunicación de resolución de avisos mediante SMS coas persoas que deron a notificación para informalas, o que supuxo no primeiro semestre deste ano un total de 33.240 mensaxes enviadas.
 
Neste servizo integrouse o ano pasado a aplicación Controlvelutina, que os efectivos de Seaga empregan para xestionar os avisos introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final. Este ano realizáronse melloras ao facilitar a súa integración cos servizos de emerxencias do 112. Permítese así que se poidan derivar de forma automática os avisos para mobilizar os medios de retirada nos casos máis urxentes.
 

Traballo coordinado cos concellos

A directora xeral de Administración Local tamén puxo en valor que con este plan centralizado de loita contra a avespa velutina, a Administración autonómica ofrece desde 2020 unha solución homoxénea en todas as zonas afectadas coa finalidade de acadar unha maior eficacia na retirada e neutralización dos niños. Así, -sinalou- trabállase de forma coordinada cos concellos co obxectivo de loitar contra esta especie invasora e reducir a intranquilidade que lle ocasiona a súa presenza á cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2023