A Xunta debate a participación xuvenil na construción de Europa coa mocidade do ‘Movemento Europeo’

O director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, mantivo un encontro con mozos e mozas galegos beneficiarios do proxecto ‘A voz da xeración Erasmus’

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, recibiu onte en Santiago de Compostela un grupo de mozos e mozas galegos beneficiarios do proxecto A voz da xeración Erasmus do programa europeo ERASMUS+, acompañados polo profesor Francisco Aldecoa Luzárraga, presidente do Consello Federal Español do Movemento Europeo.

 

Na reunión abordouse a preocupación da xuventude no proceso de construción da Unión Europa e a participación da cidadanía no futuro de Europa. Jesús Gamallo explicou as actuacións do Goberno galego e da Fundación Galicia Europa no marco institucional, así como o seu valor engadido, ademais de resaltar a estratexia galega de acción exterior, o seu marco legal propio e as liñas xerais sobre o que as rexións fan por Europa e o que Europa fai polas rexións. O director xeral tamén se referiu aos retos que afronta Galicia, como é a cuestión demográfica, o avellentamento da poboación, o cambio climático e a dixitalización ou o emprego xuvenil.

 

Outro dos aspectos tratados no coloquio foi a posta en valor da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal e o traballo realizado neste ámbito, que a converte nun exemplo de boas prácticas tanto en España coma en Europa. Por último, o grupo xuvenil presentou as súas preocupacións perante a presidencia española do Consello da Unión Europea que terá lugar no segundo semestre deste ano.

 

O Consello Federal Español do Movemento Europeo é unha das 39 seccións que conforman o Movemento Europeo Internacional. Constituído en febreiro de 1949 encamiña a súa actuación, dunha parte, a propiciar o desenvolvemento dunha identidade europea e uns valores comúns na sociedade española, e, doutra, a posibilitar que entre as institucións, as forzas políticas e as organizacións socioeconómicas, España sexa un factor dinamizador no proceso de construción europea.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2023