Nava Castro presenta en Fitur os Plans de Sostibilidade Turística que dinamizarán o sector enogastronómico de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada dos delegados territoriais de Ourense e Pontevedra, presentou os Plans de Sostibilidade Turística de Enogastronomía dos xeodestinos de Valdeorras e Ría de Vigo e Baixo Miño dotados cada un con 1,5 M€

A iniciativa ten como obxectivo a mellora da comercialización e da promoción exterior de novos produtos gastronómicos a través de diversas actuacións que fomenten a dinamización da enogastronomía como sector clave en todo o territorio

O plan, elaborado pola Xunta de Galicia, desenvolverase ata o 2025 en todo o territorio galego para fomentar a desestacionalización da oferta turística na comunidade e a internacionalización dos territorios vitivinícolas

Madrid, 18 de xaneiro de 2023

A directora de Turismo de Galicia Nava Castro, acompañada do delegado de Pontevedra, Luis López, e de Ourense, Gabriel Alén, presentou hoxe na Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, os Plans de Sostibilidade Turística de Enogastronomía para os xeodestinos de Valdeorras e da Ría de Vigo e Baixo Miño, que teñen como fin enxalzar estes territorios e dinamizar o sector enogastronómico como un dos recursos máis valorados en toda Galicia.  

 

A través destes plans, dotados cada un con 1,5 M€,  o Goberno galego busca promocionar a comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel contemplando intervencións referidas ao embellecemento e adecuación dos establecementos de produción enolóxica e alimentaria, potenciando a chegada do AVE a Galicia así como a mobilidade sostible, que permite unha mellora da accesibilidade a lugares de interese.

 

Nesta liña, Nava Castro sinalou que o Goberno galego quere destacar a importancia deste sector como reclamo turístico a través da posta en valor dos territorios vitivinícolas, así como da mellora da comercialización e da promoción de novos produtos turísticos vinculados á gastronomía galega. Desta forma, segundo sinalou na presentación en Fitur, o Plan de Enogastronomía, do que forman parte estes proxectos, vertébrase cun contido enfocado na dixitalización e na innovación gastronómica arredor de Accións de Cohesión en Destino e Plans de Sustentabilidade Turística.

 

Do mesmo xeito, agradeceu o traballo dos concellos implicados que fan posible que Galicia conte co PSDT de Valdeorras, no que participan O Barco, A Rúa, A Veiga, O Bolo, Petín, Vilamartín, Rubiá, Laroucoe Carballeda, e o PSTD do xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, conformado por A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui.

 

Este plan,  elaborado pola Xunta, desenvolverase ata o 2025 en toda a comunidade co fin de dinamizar o texido socioeconómico do territorio e fomentar a desestacionalización da oferta turística en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2023