O presidente da Xunta participou nun encontro coas novas directivas destas entidades

Rueda resalta o papel das confrarías como aliadas na xestión e na aposta constante da Xunta por unha explotación sustentable dos recursos

Salienta que Galicia é un exemplo de “saber conxugar” a preservación do litoral con actividades económicas claves para a comunidade

Explica que entre os retos máis inmediatos aos que ten que facer fronte o sector están o veto á pesca de fondo da UE, a ordenación do litoral ou a instalación de proxectos de eólica mariña

Aplaude que o Tribunal Supremo rexeitase o recurso do Goberno central contra o Plan xeral de explotación marisqueira 2021-2023 e avale o modo de xestionar os recursos en Galicia desde hai décadas

A Xunta incrementou desde 2016 nun 65% o orzamento para apoiar ao sector marítimo-pesqueiro ata alcanzar os 212 M€ este ano
 

Ribeira (A Coruña), 21 de xaneiro de 2023.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe en Ribeira o papel das confrarías de pescadores como aliadas da administración galega na xestión e aposta constante por unha explotación sustentable dos recursos para garantir o correcto desenvolvemento da actividade marítimo-pesqueira. “Galicia é a comunidade con máis quilómetros de litoral e somos un exemplo de saber conxugar a preservación do litoral coa vida económica e a presenza das persoas”, sinalou durante un encontro coas novas directivas das confrarías galegas e das súas federacións elixidas nas terceiras eleccións unificadas celebradas o pasado mes de outubro.

Rueda resaltou o traballo diario que desde hai anos realizan as 63 confrarías galegas e as súas federacións -as tres provinciais e a galega- na defensa dos intereses do sector e para consolidar Galicia como referente internacional no eido marítimo-pesqueiro. Nesta liña, subliñou a predisposición destas entidades a “colaborar” e actuar sempre de “interlocutores” coa Administración autonómica. “Confrarías hai en todas partes, pero coa forza, o número e a tradición que hai en Galicia, non existen noutros sitios de España”, indicou.

Entre os retos máis inmediatos que terá que afrontar o sector, Rueda destacou o feito de que os produtos do mar quedasen excluídos da rebaixa do IVE para alimentos básicos, o veto á pesca de fondo fixado pola UE ou impulsar o turismo vencellado ao mar e todo  que xira arredor deste eido. Ademais fixo un especial fincapé no desafío que supón conxugar actividades económicas fundamentais para Galicia coa preservación do medio ambiente.

Neste sentido, resaltou a futura Lei de ordenación do litoral galego que está a tramitar a Xunta para poder realizar unha ordenación planificada e adaptada á realidade galega e lamentou que Galicia siga á espera de recibir máis información do Goberno central sobre o desenvolvemento de proxectos de eólica mariña. É preciso contar con todos os datos, resaltou, para garantir que son compatibles con actividades fundamentais para a economía galega como as vencelladas co eido marítimo-pesqueiro.

Por outra banda, Rueda mostrou a súa satisfacción porque a Xustiza avale a boa xestión que fai Galicia dos seus recursos mariños ao rexeitar o Tribunal Supremo o recurso que o Goberno central presentara contra o Plan xeral de explotación marisqueira 2021-2023.

O presidente subliñou que este fallo do Supremo demostra que “Galicia tiña razón” e puxo en valor a xestión que desde hai décadas realizan tanto a Xunta como o sector neste eido para garantir unha explotación do litoral e dos recursos de forma sostible. “Sempre cumprindo con toda a normativa e buscando a preservación do medio ambiente”, indicou.

Incremento dos orzamentos para impulsar o sector pesqueiro

A Xunta segue a traballar para consolidar Galicia como referente do sector pesqueiro. Os orzamentos da Administración autonómica para este eido aumentaron un 65% desde 2016 ata alcanzar os 212 millóns de euros deste ano.

Entre as medidas postas en marcha hai varias liñas de axudas das que se poden beneficiar directamente profesionais vencellados coas confrarías de pescadores como as achegas para á modernización das infraestruturas de portos pesqueiros ou lonxas, ás que se destinan este ano 4,6 millóns de euros. Tamén as dirixidas a apoiar proxectos que contribúan á rexeneración e mellora da produtividade dos bancos marisqueiros (1,3 M€) ou as achegas para que os propietarios de buques realicen melloras a prol dunha pesca máis sustentable ou para tripulantes que desexan converterse en armadores (1,6 M€).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/01/2023