A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron hoxe a entidade Juan Soñador

A Xunta distribúe 19,1 M€ con cargo ao recadro social do IRPF para apoiar a 132 entidades na atención a persoas vulnerables

Esta orde permitirá a posta en marcha de preto de 600 programas de atención a persoas en risco de exclusión, a maiores e persoas con discapacidade, á infancia e tamén de promoción do voluntariado

Ourense, 26 de xaneiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas con cargo ao recadro social do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) que distribúe 19,1 millóns de euros entre 132 entidades que traballan na atención a persoas vulnerables. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron hoxe as instalacións de Juan Soñador na cidade das Burgas, unha das beneficiarias desta convocatoria.

 

A conselleira sinalou que mediante esta orde poderanse poñer en marcha preto de 600 programas de atención a persoas en risco de exclusión, pero tamén de atención á infancia, a maiores, a persoas con discapacidade ou de promoción do voluntariado. No caso de Juan Soñador, o Goberno galego concedeulle ao abeiro desta orde 300.000 euros, un 7% máis que o ano pasado, para impulsar programas de apoio a persoas migrantes.

 

Fabiola García destacou que a Xunta quere ser transmisora dos valores que definen a sociedade galega como son a solidariedade, a igualdade e a hospitalidade. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego apoia ás persoas en situación de vulnerabilidade mediante as Axudas de Inclusión Social (AIS) ou a Risga, que favorece ademais a transición cara o emprego; ou a través do complemento autonómico ao Bono Social Térmico, para que os fogares galegos fagan fronte á factura da calefacción.

 

Orde de entidades

Así mesmo, xunto a esta orde con cargo ao 0,7% o IRPF, a Xunta tamén colabora coas entidades sociais para promover programas destinados ás persoas en risco de exclusión mediante a orde de axudas a entidades. Na súa última convocatoria, estas axudas distribuíron 7,2 millóns de euros a diferentes organizacións que traballan neste eido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2023