A delegada territorial presidiu esta mañá a Comisión territorial de coordinación de Ferrol á que asistiron os xefes territoriais das distintas consellerías

Martina Aneiros pon en valor o traballo deste primeiro ano da delegación da Xunta en Ferrol á hora de “tomarlle o pulso ás comarcas”

“A xestión realizada este ano demostrou que a Xunta avanza e cumpre coa súa folla de ruta que son os compromisos adquiridos ante a cidadanía e que se reflicten no Pacto de Estado por Ferrol”, lembra

Destaca o avance nas obras do plan director do CHUF, cuxo investimento este ano chegará aos 26,7 millóns de euros

A delegada pon en valor o fito que supuxo a entrega das chaves das dúas primeiras vivendas do programa Rexurbe e o traballo levado a cabo na tramitación do PRUX das Fragas do Eume

Ferrol, 1 de febreiro de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presidiu esta mañá a comisión territorial de coordinación da delegación na que deu conta do balance do primeiro ano ao fronte deste órgano.

Aneiros destacou que este foi un ano para “tomarlle o pulso ás comarcas” e coñecer máis pormenorizamente as necesidades e demandas deste territorio. “Mantivemos un contacto directo cos axentes sociais, Concellos, asociacións empresariais e veciños que nos ten axudado a compoñer unha fotografía real da situación das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e, desta maneira, ir impulsando e priorizando a actuación da Xunta neste territorio”, indicou.

“A xestión realizada neste ano demostrou que a Xunta avanza e cumpre coa súa folla de ruta, que son os compromisos adquiridos ante a cidadanía e que se reflicten no Pacto de Estado por Ferrol”, salientou.

Durante a reunión de coordinación na que tomaron parte os xefes territoriais das distintas consellerías, realizou un balance da execución das actuacións recollidas no documento durante o pasado exercicio, comezando pola propia creación da delegación. Destacou o avance nas obras do plan director do CHUF, onde os traballos se centran agora na finalización das instalacións do servizo de Radioloxía, así como en habilitar novos espazos no edificio sur.

A este respecto, lembrou tamén que, dentro desta fase I, o pasado 2022 executáronse as obras de urbanización da rúa Doadores e a ampliación do aparcamento do hospital Naval, cun investimento de 1,5 M€. “Nos orzamentos de 2023, o investimento para este proxecto chegará aos 26,7 millóns de euros entre a execución das obras, equipamentos e licitación da fase final que definirá a configuración definitiva do complexo hospitalario”, lembrou a delegada.

Tamén destacou o fito que supuxo a entrega das chaves das dúas primeiras vivendas do programa Rexurbe. “Ferrol é o municipio onde o programa Rexurbe da Xunta acada as maiores cifras: é onde máis investimos (unha previsión de 10,4 M€), onde máis inmobles adquirimos (19) e onde máis vivenda pública habilitaremos (38)”, sinalou a delegada, que criticou, unha vez máis, o atraso do Concello na tramitación de licenzas.

“Isto nos ten levado a que se estean a producir renuncias por parte dos adxudicatarios e licitadores das obras que consideran que as subas do custos rexistradas non últimos meses non lles permiten executar os traballos previstos cos prezos e orzamentos polos que se licitaron”, explicou. É o que aconteceu coas obras dos inmobles Carmen Curuxeiras 8 e 22-24 que a Xunta acaba de sacar por segunda vez a licitación por un importe de 1,6 M€.

Nos compromisos da Xunta incluídos no Pacto de Estado, figura tamén a habilitación do primeiro albergue de peregrinos da cidade, cuxas obras están en marcha e concluirán este mesmo ano.

Melloras en infraestruturas

A delegada destacou os 11,5 M€ investidos no acondicionamento das estradas de Cedeira (AC-566) e Ortigueira (AC-862), que se verá incrementado coa segunda fase das obras desta última vía licitadas en 6,8 M€ e para as que se presentaron 12 ofertas. Ademais, en materia de saneamento, salientou a recente licitación das obras do colector do río Sardiña, cun investimento previsto de 900.000 euros, e os 8,5 M€ nas obras do saneamento integral da ría de Pontedeume e Cabanas, retomadas o pasado ano tras varios meses paralizadas por dificultades internas da empresa adxudicataria.

Aneiros tamén puxo en valor o traballo levado a cabo na tramitación do Plan Reitor de Usos de Xestión (PRUX) das Fragas do Eume que encara agora a recta final. “Estanse a analizar as achegas e alegacións recibidas para valorar a súa incorporación ao contido do PRUX e a continuación elevarase para informe ante o Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible a mediados deste mes”, avanzou. Será o paso previo á súa aprobación definitiva por parte da Xunta e publicación no DOG.

En materia de emprego, puxo en valor a recente creación do polo de emprendemento Rías Altas e Arco Ártabro, así como o investimento realizado pola Xunta en materia de formación para o emprego a través dos Programas Integrados de Emprego, os Obradoiros Duais e as Accións Formativas para Desempregados, accións que este ano deixarán na comarca un investimento de 5 M€.

Na reunión tamén se deu conta das obras que se están a levar a cabo nos centros educativos da zona ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e cuxo importe ascende a preto de 5 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2023