Emigración abre a convocatoria de 250 bolsas BEME de Máster en Galicia para mozos galegos residentes no exterior

O Goberno galego incrementa nunha media de 500 euros estas axudas para o próximo curso 2023/24 que permiten aos galegos universitarios do exterior realizar un máster nunha das tres universidades galegas

O obxectivo destas bolsas é que estes mozas e mozos poidan completar a súa formación universitaria que lles permita quedar a traballar e vivir en Galicia, atraendo así aos galegos do exterior de alta cualificación

As bolsas sufragan viaxe, matrícula, aloxamento e manutención, cunhas contías que oscilan entre os 7.500 e os 12.000 euros dependendo do continente do beneficiario

Con esta nova convocatoria o Goberno galego terá ofrecido entre 2017 e 2023 un total de 1.400 oportunidades de retorno

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a  nova convocatoria, promovida pola Secretaría Xeral da Emigración, das bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME Máster), (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230202/AnuncioC3B0-030123-0001_es.html) cuxa séptima edición supón un novo incremento na dotación económica asignada, de cara a paliar os efectos da inflación que está a rexistrarse a nivel mundial., cun aumento medio de máis de 500 euros nas contías asignadas a cada unha das 250 axudas.

O incremento, que oscila entre os 750 e os 350 euros, en función da duración do mestrado e o continente de procedencia do beneficiario, elevará o orzamento total desta medida ata os 2,3 millóns de euros, 150.000 máis ca na anterior convocatoria.

Deste xeito, o Goberno galego destina un 7% máis de investimento a esta convocatoria que chega aos 2,3 millóns de euros, impulsando a captación dun total de 250 titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, cunha medida incluída na recentemente aprobada Estratexia Galicia Retorna 2023-26 (ERG2026). 

 

O obxectivo destas bolsas é que estes mozas e mozos poidan completar a súa formación universitaria o que lles podería permitir quedar a traballar e vivir en Galicia. “Ao darlle un apoio económico durante o tempo que complementan a súa formación poden irse adaptando ao mercado laboral mentres realizan o máster e conseguir así posteriormente un emprego ou crear a súa propia empresa”, explicou Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración.

Todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Requisitos para ser beneficiario e contía da bolsa

Os beneficiarios da iniciativa deben ser galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

 

A bolsa, cuxo importe é de 7.500 ou 8.000 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de entre 11.250 ata 12.000 euros (en función do continente de procedencia do alumno). 

Á convocatoria do ano pasado presentáronse 532 solicitudes procedentes de 35 países distintos, un 12% máis ca o ano anterior.

1.400 oportunidades de retorno

Con esta nova convocatoria o Goberno galego terá ofrecido entre 2017 e 2023, incluíndo as equivalentes de FP, a posibilidade de retornar a un total de 1.400 mozos galegos do exterior no ámbito universitario.

Os interesados teñen ata o próximo 28 de abril para presentar a súa solicitude. Toda a información pode consultarse na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración: https://emigracion.xunta.gal/bolsas-excelencia-mocidade-exterior-2023

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2023