Unha de cada catro chamadas recibidas no Centro integrado de atención ás emerxencias - 112 Galicia acaba convertida en incidencia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presentou hoxe xunto co xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, o balance de chamadas de 2022 cun total 853.959, unha cifra similar á do exercicio anterior e lonxe do millón, que non se acada desde o ano 2017
 

Os incendios urbanos experimentaron o crecemento máis alto do último lustro, mentres que unha de cada catro incidencias contabilizadas no CIAE 112 Galicia tiveron que ver coas estradas ou as vías de circulación
 

A Estrada (Pontevedra), 6 de febreiro de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presentou hoxe xunto co xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, o balance de actividade de 2022 do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112 Galicia). Así, explicaron que unha de cada catro chamadas recibidas no centro acaba por converterse nunha incidencia, coa conseguinte mobilización dos medios de intervención. Convén sinalar que, en numerosas ocasións, realízanse varias chamadas para a comunicación dun mesmo suceso.

Durante o ano 2022, no CIAE 112 Galicia recibíronse 853.959 chamadas, o que supón unha estabilización e incluso un mínimo ascenso logo de encadear varios exercicios de descenso continuado. Desde o 2017, o volume de avisos anuais recibidos no 112 Galicia mantense por debaixo do millón.
 
Diversos factores apoian a progresiva redución das chamadas ao 1-1-2. En primeiro lugar, durante os últimos anos estase a levar a cabo un importante traballo para combater os avisos con intención maliciosa, para concienciar sobre un uso responsable do número único de emerxencias e para dar a coñecer o servizo á cidadanía mediante actividades como a publicación de información de utilidade, que ten a prevención como o seu obxectivo prioritario.
 
Os incendios rexistrados aumentaron de modo significativo no ano 2022. Neste sentido, contabilizáronse 10.641, case 3.000 máis que no 2021. Os de carácter urbano acadaron a súa cifra máis elevada do último lustro (2.490), e repítense en especial os orixinados en chemineas e campás extractoras con acumulacións de feluxe ou graxa, así coma os que son froito de despistes, como o esquecemento de potas ao lume. Os industriais, pola súa banda, tamén experimentaron un notable crecemento, pasando dos 124 aos 152 casos.
 

Estradas, animais e seguridade cidadá

Coincidindo coa proporción de chamadas que requiren da mobilización de recursos, unha de cada catro incidencias xestionadas no 112 Galicia tiveron que ver coas estradas e outras vías de circulación. En concreto, máis de 60.000. Este grupo inclúe os restos de accidentes, verteduras de aceite ou combustibles ou a presenza de animais ou obstáculos no asfalto e no trazado ferroviario como árbores, pólas e fochancas.

Por suposto, tamén se agrupan os accidentes, que superaron en case novecentos casos ao ano 2021. En catro de cada dez sinistros sen mercadorías perigosas rexistrados nas estradas galegas polo 112, algún dos implicados resultou ferido ou falecido.
 

A continuación, atópanse as 35.188 ocasións en que se mobilizaron ás forzas da orde por cuestións de seguridade cidadá. Logo das incidencias de carácter estritamente sanitario, foron as máis repetidas.

En canto ás relacionadas con animais, sufriron un descenso de máis do 20%. Neste ámbito, as máis frecuentes foron as relacionadas coa súa presenza nas vías de circulación (13.599 avisos).
 
Santiago Villanueva destacou que neste descenso das estatísticas contribuíron as  incidencias por mor da avespa velutina. Nesta liña, explicou que a retirada de niños situados en lugares que representaban un risco para a poboación supuxo un total de 7.145 intervencións dos servizos de emerxencias. Ademais, lembrou que nas ocasións nas que a presenza de niños deste insecto non represente unha situación de risco inminente, a súa retirada, da que se encarga a empresa pública Seaga, pode ser solicitada a través do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012.  
 

Sen embargo, o director xeral de Emerxencias e Interior incidiu en que danse  localizacións que supoñen un perigo para a cidadanía, e polas que o 012 podería remitir o aviso ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia: a proximidade con individuos alérxicos á picadura da avespa ou de lugares cunha importante concorrencia de persoas, como centros educativos ou de saúde.

Finalmente, as cuestións estritamente sanitarias representaron algo máis dun terzo das incidencias xeradas no CIAE 112 Galicia entre xaneiro e decembro do 2022.

 Crece o número de simulacros

No 2022, leváronse a cabo 74 simulacros máis que no ano anterior, para un total de 295. A realización deste tipo de actividades inflúe positivamente na coordinación dos servizos de emerxencias, que ficarán preparados en caso de que se produza unha incidencia real. Tamén, na poboación, que aprende os necesarios procedementos a seguir ante este tipo de circunstancias desfavorables.

 

O E-Call, un sistema cada vez máis implantado

Desde o ano 2020, os avisos recibidos no CIAE 112 Galicia a través deste sistema de comunicación directa das emerxencias desde o vehículo continúan en ascenso. A progresiva implantación do E-Call, obrigatorio en tódolos vehículos de nova homologación en Europa desde o 2018, permite reducir os tempos de resposta dos diferentes servizos intervención e, polo tanto, mellorar a coordinación e a súa actuación. Durante o 2022 xestionáronse un total de 139 chamadas — 42 delas falsas alarmas —, 32 máis que no ano anterior.

 

Melloras no eido da xeolocalización

Ademais, aumenta á súa vez a proporción das incidencias de rescates ou con persoas perdidas nas que se facilitaron as coordenadas. Foi en 97 dos 755 casos rexistrados polo 112 Galicia. Desde a Administración trabállase activamente en sistemas innovadores para facilitar as intervencións neste tipo de circunstancias.

 

Programación especial para o Día Europeo do 112

Con motivo da celebración o vindeiro sábado, 11 de febreiro do Día Europeo do 112, véñense de programar unha serie de actividades cos obxectivos de dar a coñecer tanto o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia como o número único 1-1-2 e a súa correcta utilización.

Desta maneira, o xoves 9 de febreiro, varios membros do persoal do centro desprazaranse á Aula Newton, un espazo de divulgación científica do Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense. Un grupo de estudantes de Bacharelato do colexio Salesianos de Ourense terá a posibilidade de coñecer as diversas ferramentas, medios e recursos empregados para a xestión dunha emerxencia. Ademais, acudirá a Unidade Operativa de Drons do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega).

Por outra banda, o venres 10 e o sábado 11 de febreiro o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia abrirá as súas portas a aquelas persoas que decidan achegarse ás súas instalacións situadas na Avenida da Cultura na A Estrada. Poderán facelo entre as 10,00 e as 14,00 e as 16,00 e as 20,00 horas.  Desta forma, a cidadanía galega pode coñecer de primeira man a actividade do centro, ofrecéndolle unha ampla visión da sala de operacións do 112 Galicia.
 

Data de actualización: 06/02/2023