A Xunta destina 340.000 € aos gastos de funcionamento das agrupacións de voluntarios de Protección Civil

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria deste ano destas subvencións coas que a Xunta contribúe a sufragar os gastos de funcionamento das AVPC

Desta orde beneficiáronse o ano pasado 190 asociacións

O investimento do Goberno galego en apoio a estas entidades supera os 19M€, entre os 15M€ no reforzo de material e outros 4M€ para colaborar nos seus gastos correntes a través da liña de axudas publicada hoxe

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2022 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras da convocatoria deste ano da orde de axudas ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios inscritas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil.

A Xunta destinará un orzamento de 340.000 euros co obxectivo, pese a tratarse dunha competencia de carácter local, de colaborar economicamente coas AVPC nos seus gastos correntes contribuíndo ao seu funcionamento. O ano pasado foron beneficiarias destas asociacións 190 entidades: 62 na provincia da Coruña, 33 na de Lugo, 65 na de Ourense e 30 na de Pontevedra.

As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e vestimenta persoal de uniforme; equipos de prevención e protección e material informático e de comunicación, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación; gastos ocasionados pola conservación, mantemento e alugamento da súa base e medios de intervencións; o pagamento de seguros do persoal voluntario; e a custos de formación dos seus membros.

As entidades interesadas teñen o prazo dun mes desde mañá para presentar as súas solicitudes a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal.

 

Esta convocatoria complementa outros programas do Goberno galego para mellorar os medios de emerxencias dos concellos de menos de 50.000 habitantes. Así, ademais das axudas directas para colaborar cos gastos de funcionamento, a Xunta reforza o material de emerxencias das AVPC coa convocatoria anual para facilitar equipamento.

 

O Goberno galego investiu o ano pasado case 896.000 euros na adquisición de equipamento para 131 agrupacións. En concreto, 8 vehículos todocamiño, 8 remolques, 30 tendas de campaña para a atención ás emerxencias, 8 coitelas para a retirada de neve, 20 esparexedores de sal, 11 embarcacións pneumáticas e 105 desfribiladores externos.

 
 

Así, o investimento da Xunta nos últimos anos nas AVPC da comunidade acada os 19 millóns de euros, dos que 14 millóns se destinaron a reforzar o seu equipamento e os 4 millóns restantes aos seus custos de mantemento. Só en material, a Administración autonómica leva destinado unha importante achega aos servizos de emerxencias da comunidade con máis de 24 millóns de euros, os 15 millóns destinados a través da orde de axudas de equipamento a AVPC e os 9 restantes en equipamento cedido aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

 
Ademais, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), o persoal destas agrupacións realiza o curso necesario para obter o seu carné de voluntario e os profesionais dos distintos servizos de emerxencias contan cun amplo catálogo de actividades formativas ao longo do ano para actualizar os seus coñecementos e poder realizar unha intervención eficaz ante calquera incidencia.

Data de actualización: 07/02/2023