A Xunta sinala a importancia da enogastronomía galega durante a presentación da Feira do Cocido de Lalín

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación da Feira do Cocido de Lalín que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2023

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no acto de presentación da Feira do Cocido de Lalín levado a cabo na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, onde puxo en valor a longa traxectoria desta festa  de interese turístico internacional, que unha edición máis reúne a centos de persoas en Lalín.

 

A directora de Turismo fixo especial fincapé na importancia da enogastronomía dentro da oferta turística da nosa Comunidade xa que constitúe o segundo motivo polo que os turistas se achegan a Galicia. Por elo, explicou Castro, púxose en marcha o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística de Enogastronomía de Galicia, co obxectivo de promocionar Galicia como destino enogastronómico de primeiro nivel poñendo en marcha actuacións transformadoras en diferentes áreas de Galicia, cunha dotación orzamentaria de 35,4M €.

 

A promoción da xestión sustentable desde os destinos e a potenciación do territorio enogastronómico galego como un espazo de desenvolvemento turístico competitivo cuxa proxección e comercialización alcancen o ámbito nacional e internacional son os obxectivos arredor dos que se vertebra este plan, cun forte contido na dixitalización e na innovación gastronómica.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2023