A Xunta conmemora o Día Europeo do 112 cunha actividade de divulgación na Aula Newton

No seu afán por fomentar a prevención e a auto protección, o Goberno galego apostou por unha actividade conxunta no Parque Tecnolóxico de Galicia de Ourense para informar aos máis novos sobre a utilidade do número gratuíto en situacións críticas

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, compartiu esta xornada cos rapaces e rapazas, aos que convidaron, ademais, a coñecer o equipo de drons da AXEGA

Esta iniciativa enmárcase na programación especial do Día Europeo do 112, que culmina mañá e o sábado coas xornadas de portas abertas no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia situado na Estrada

San Cibrao das Viñas (Ourense), 9 de febreiro de 2023 O Goberno galego promove o número único europeo de emerxencia 1-1-2 entre os estudantes participantes nas actividades divulgativas da Aula Newton que se levaron a cabo hoxe co obxectivo de dar a coñecer o servizo telefónico e fomentar o uso eficaz e eficiente.

 

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, acompañou aos estudantes nesta actividade e responderon as súas inquedanzas sobre o 1-1-2 e os recursos da AXEGA. De feito, convidaron aos rapaces e rapazas a coñecer e experimentar cos drons, cuxo equipo situouse no exterior da Aula.

 

Esta iniciativa conxunta co Parque Tecnolóxico de Galicia e o equipo docente da Aula Newton forma parte da aposta global da Xunta por capacitar e fortalecer á sociedade galega ante situacións críticas e inesperadas mediante a información, a formación e as ferramentas de auto protección.

 

Calquera persoa, sen límite de idade, procedencia ou condición, pode necesitar chamar ao 1-1-2 algunha vez na súa vida, polo que debe saber como facelo e como obter o máximo rendemento nesa comunicación. Por iso, é importante concienciar á cidadanía sobre un uso axeitado deste recurso para que as chamadas sexan cada vez máis eficaces e eficientes.  

 

Deste xeito, e co apoio dun vídeo de animación, os rapaces e rapazas participantes nas actividades divulgativas da Aula Newton aprenderon como actuar cando algo grave sucede, e como, ao marcar un só número de emerxencia, se activan todos os recursos de intervención necesarios: bombeiros, policía, sanitarios, equipos de rescate...

 

Da mesma forma, comprenderon que as chamadas ao 1-1-2 deben realizarse sempre que se necesite axuda, e que unha comunicación falsa e mal intencionada a este servizo, ademais de poder investigarse, causa un grave prexuízo tanto para os recursos de intervención como para quen realmente precisa de atención urxente.

 

Colaboración estreita entre a AXEGA-112 e a Aula Newton

A actividade de hoxe non é o primeiro contacto que os alumnos e alumnas participantes da Aula Newton teñen co número único europeo de emerxencias. A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia teñen colaborado co equipo docente da Aula na confección dun vídeo co que se pretende contextualizar o exercicio que deben resolver os estudantes.

 

Así, en cada sesión da Aula, proxéctase unha peza de ficción, que pon aos rapaces e rapazas en contacto coa central de emerxencias de Galicia, cuxo persoal solicita a súa colaboración como pilotos experimentados para o recoñecemento en voo dunha zona afectada por unha suposta catástrofe natural.

 

Xornadas de portas abertas no CIAE 112 da Estrada

Co fin de achegar o alumnado á realidade, organizouse a intervención de hoxe na Aula Newton para que así afonden no número único europeo e nas súas utilidades. Ademais, a iniciativa ponse en marcha na semana na que se celebra o Día Europeo do 112, este sábado 11 de febreiro, e que culmina cunha xornada de portas abertas no Centro Integrado e Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia da Estrada tanto mañá venres como o sábado, de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas.

 
Para poder acceder, basta con acudir no horario e días indicados e realizar un percorrido debidamente sinalizado polas instalacións do 112 Galicia. Dentro do itinerario contémplase a vista á sala central de recepción e xestión das chamadas de emerxencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023