Un estudo elaborado pola Xunta incide na importancia de difundir a información oceanográfica entre os sectores vinculados coa economía azul

O informe foi realizado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar no marco do Observatorio Costeiro do Executivo galego e do proxecto europeo Atlazul e analiza as necesidades de datos de orixe mariña dos colectivos relacionados co mar para optimizar e potenciar a súa actividade

A maioría dos profesionais da pesca e da acuicultura, do turismo e do ámbito portuario consultados recoñecen a utilidade da información dispoñible e ao mesmo tempo a necesidade de facilitar o acceso a ela

Vigo, 11 de febreiro de 2023

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, elaborou un informe que ten como fin detectar as necesidades de información oceanográfica dos sectores vinculados coa economía azul. Este traballo, realizado no marco do Observatorio Costeiro da Xunta e do proxecto europeo Atlazul, constata a necesidade de visibilizar a información oceanográfica entre os sectores relacionados co eido mariño.

Na liña do proxecto Atlazul, que se centra na busca de novas oportunidades de crecemento azul, o traballo destaca a existencia de numerosos datos de orixe mariña, modelos preditivos e produtos e servizos derivados da observación oceanográfica que son de grande utilidade para mellorar e fortalecer as actividades no ámbito da economía vencellada co mar.

Co fin de promover o uso desta información e facilitar a súa accesibilidade, o estudo pon de relevo a necesidade de promocionala para que ademais de ser empregada por sectores vencellados co medio mariño tamén sexa de utilidade aos profesionais doutras ramas de actuación.

O Cetmar contou para a elaboración deste informe coa opinión de axentes do sector pesqueiro e acuícola -confrarías, empresas e organismos públicos-, do turismo, do ámbito portuario e das enerxías renovables, así como de empresas dedicadas á xestión e servizos de datos.

O traballo, froito das enquisas e os encontros mantidos coas partes interesadas, recolle a importancia tanto dos observatorios como da información oceanográfica e a necesidade de difundila entre a comunidade científica así como entre as empresas e organizacións dos sectores primario e secundario marítimo e mariño.

En canto á utilización dos datos dispoñibles, o estudo mostra que a información máis empregada nas predicións de meteoroloxía e do estado do mar é a do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, integrado polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e o Cetmar, dependentes da Consellería do Mar, e Meteogalicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Acceso á información

O informe elaborado polo Cetmar conclúe tamén que é preciso simplificar e facer máis ameno o acceso á información oceanográfica para persoas sen formación específica, o que podería solucionarse co desenvolvemento de ferramentas como visores e APP móbiles de consulta e con actividades formativas para usar de xeito independente esta información.

No caso dos usuarios especialistas no traballo con datos, sinala que as dificultades para a utilización da información oceanográfica están relacionadas coa falta de accesibilidade, estandarización e harmonización, o que fai difícil o seu manexo e interoperabilidade e limita o seu uso. Neste sentido, para facilitar o seu aproveitamento, o estudo de Atlazul propón a incorporación desta información a portais europeos como Emodnet ou Copernicus ou a creación de xeoportais con material unificado e de fácil descarga.

O traballo desenvolvido pola Fundación Cetmar permitiu detectar ademais outras necesidades relacionadas coa oceanografía operacional, como a monitorización de variables xa coñecidas -salinidade ou temperatura- en lugares de especial interese e a introdución doutras novas -como turbidez ou contaminación fecal-, ademais de mellorar os modelos cunha mellor resolución. Outras demandas están relacionadas con información sobre especies explotables, a socioeconomía do sector ou datos históricos de peche de polígonos por mareas vermellas.

Tanto o Observatorio RAIA como o Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, dos que forman parte o Cetmar e o Intecmar, terán en conta as conclusións deste informe na folla de ruta para deseñar a estratexia a medio prazo destes servizos, aliñándoos así coas necesidades reais dos sectores vencellados coa economía azul e cumprindo os obxectivos do proxecto Atlazul neste ámbito.

Proxecto Atlazul

O proxecto Atlazul está financiado polo programa Interreg de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e nel participan 11 entidades españolas e sete portuguesas co fin de optimizar as sinerxías entre os distintos sectores da economía azul e a creación de novas oportunidades para a inversión empresarial e a mellora da competitividade das empresas involucradas nos ámbitos da pesca, a acuicultura, o turismo costeiro e a biotecnoloxía.

O proxecto fai posible a transmisión de coñecementos no campo da captación e tratamento da información mariña e a identificación do potencial crecemento azul en cada unha das catro rexións participantes: Galicia, Andalucía e o Algarve e Alentejo en Portugal. No contexto de Atlazul, e de xeito simultáneo, realizáronse outros estudos similares para os subsectores da pesca, a acuicultura e o turismo en Andalucía.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 11/02/2023