O presidente galego e o gobernador de Córdoba asinan un Memorandum de Entendemento

Irmandade entre a Xunta e a provincia de Córdoba (A Arxentina) para a difusión e promoción da ruta Xacobea e o Camino del Cura Brochero

Trátase de dúas rutas de peregrinación nas que a natureza, a historia e a cultura son as protagonistas
 

O Camino del Cura Brochero percorre a provincia de Córdoba a través de 240 quilómetros que seguen os pasos do sacerdote José Gabriel del Rosario Brochero a finais do século XIX
 

Ambas institucións colaborarán para impulsar lazos de irmandade entre estas rutas e atraer máis turistas arxentinos a Galicia
 

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o gobernador da provincia arxentina de Córdoba, Juan Schiaretti, asinaron hoxe un Memorandum de Entendemento polo que ambas rexións establecen unha relación de irmandade na que se comprometen a colaborar na promoción e difusión das dúas rutas de peregrinación que percorren os seus territorios: o Camiño de Santiago e o Camino del Cura Brochero.

“Encantados en axudar a promocionar por todo o mundo as peregrinacións con historia, sentido e transcendencia”, aseverou Rueda, quen amosou a disposición do Goberno galego a “asesorar no necesario” ao Camino del Cura Brochero, “que comeza agora a súa andaina” e ao que lle desexou que “en pouco tempo” adquira “toda a potencia”.
 
O Camino del Cura Brochero é unha senda de 240 quilómetros que percorre os pasos do sacerdote José Gabriel del Rosario Brochero -beatificado polo Vaticano en 2013- desde o seu nacemento en Villa Santa Rosa no século XIX ata a localidade na que desenvolveu gran parte do seu traballo: Villa del Tránsito, na actualidade coñecida como Villa Cura Brochero.
 
Esta colaboración institucional traducirase na promoción da ruta xacobea no país suramericano; a difusión da ruta arxentina e o seu impulso como etapa preparatoria do Camiño de Santiago; a organización conxunta de xornadas e exposicións ou a instalación dun marco da ruta Xacobea no Camino del Cura Brochero.
 

Ensaio no Camino del Cura Brochero para despois facer o Camiño de Santiago

O mandatario galego trasladou a colaboración do Goberno galego a que un fenómeno do que Galicia se sinte “orgullosa” –en referencia ás peregrinacións no Camiño de Santiago- “se reproduza noutros lugares”. Neste senso, enxalzou as “cifras récord” de case 440.000 compostelas entregadas durante o “espectacular” ano pasado a aqueles camiñantes que acreditaron ter realizado alomenos 100 quilómetros dalgunha das rutas xacobeas. Unha cifra que calculou que pode incrementarse “nun 30%”, xa que lembrou que non todas a persoas que percorren algunha das vías piden esta acreditación oficial cando rematan.
 

“Estamos á súa disposición”, incidiu Rueda ao gobernador da provincia da arxentina de Córdoba ao que lle apuntou que “non se lle ocorría mellor camiño” para que as e os cidadáns da Arxentina “ensaiasen” a peregrinación nun futuro polo de Santiago que comezar primeiro polo Camino del Cura Brochero.

Precisamente, Rueda apuntou que todas estas medidas de irmandade buscan tamén incrementar o número de turistas chegados a Galicia desde A Arxentina. En concreto, apuntou que a comunidade pechou 2022 con 3.300 arxentinos que obtiveron a compostela, cifra récord e que multiplica por cinco a rexistrada no 2021, e avanzou que a intención é que sexan máis ao rematar este ano.
 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2023