O V Plan director da cooperación galega 2023-2026 da Xunta recibe o informe favorable do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento

O órgano asesor no que están representados a Administración autonómica e o resto dos axentes de cooperación apoiou o novo plan
 

O V Plan director da cooperación galega segue a apostar polo aliñamento coa Axenda 2030 de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas e polo reforzo da identidade singular, as vantaxes comparativas e o valor engadido da cooperación galega
 

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu esta mañá a reunión plenaria do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento na que se presentou o anteproxecto do V Plan director de cooperación galega para o desenvolvemento 2023-2026. O documento estratéxico que rexerá a política de cooperación da Xunta de Galicia nos próximos 4 anos foi informado favorablemente no encontro de hoxe.

O director xeral sinalou que este V Plan director da cooperación galega terá un carácter máis estratéxico e buscará a posta en valor dos aspectos cualitativos da cooperación, afondará na concentración xeográfica da axuda galega, que xa se iniciou cos catro plans anteriores, e apostará por unha orientación estratéxica das actuacións de cooperación que reforce as singularidades e vantaxes comparativas da comunidade galega, poñendo énfase na especialización en determinados sectores nos que Galicia dispón de demostrada experiencia.

Jesús Gamallo tamén destacou que a cooperación galega seguirá apostando por fortalecer as capacidades dos actores e axentes de cooperación na busca de maiores complementariedades e da xeración de sinerxías entre eles que permitan alianzas estratéxicas para a posta en marcha liñas de actuación novidosas aproveitando a experiencia de algúns actores.
 
O novo plan director establece 11 países prioritarios: Bolivia, Ecuador e Perú (en América do Sur); República Dominicana (no Caribe); Guatemala, O Salvador, Honduras e Nicaragua (en Centroamérica); e Mozambique, Cabo Verde e Guinea Bissau (en África), cunha clara aposta polos países lusófonos. Ao tempo, a Cooperación Galega seguirá apoiando especialmente á poboación saharauí e palestina.
 
Como mínimo, o 80% da axuda desembolsada pola Xunta no exterior en cooperación ao desenvolvemento concentrarase nos 11 países prioritarios e na poboación saharauí e palestina. Os países menos adiantados (PMA) e os que teñen Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) baixo serán o destino como mínimo do 20% do total da axuda desembolsada no exterior en cooperación e acción humanitaria.
 
Entre os ámbitos estratéxicos do no plan, adquiren un especial protagonismo a promoción dos dereitos humanos, a igualdade de xénero cun enfoque feminista, interseccional e de diversidades, e a loita contra o cambio climático. Así mesmo, as convocatorias públicas de axudas para actividades de cooperación continuarán sendo a principal forma de canalización de fondos da Cooperación Galega nos vindeiros 4 anos.
 
De acordo co establecido na Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia, o Plan será remitido ao Consello da Xunta para o seu visto bo e posteriormente ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación definitiva.
 
O Congacode tamén informou favorablemente o Plan anual 2023 da Cooperación Galega, que parte dun orzamento inicial de 8,9 M€, o que supón un incremento dun 13,8% respecto o do ano 2022.

Data de actualización: 14/02/2023