O Centro GaiásTech acolle mañá unha xornada sobre a aplicación das tecnoloxías disruptivas no sector empresarial

A través de mesas redondas e relatorios abordaranse as tendencias e solucións que achegan ao tecido produtivo o blockchain, o big data, a internet das cousas, a intelixencia artificial e a realidade virtual

O encontro enmárcase nas actividades do GaiásTech para favorecer a especialización tecnolóxica e a transformación dixital na nosa Comunidade

Santiago de Compostela 27 de febreiro de 2023

O Centro GaiásTech celebrará mañá martes, 28 de febreiro, a xornada “O futuro hoxe: as tecnoloxías que nos están cambiando”. O obxectivo deste evento é reunir nun mesmo espazo as aplicacións que todas estas tecnoloxías teñen no día a día das empresas e, por tanto, ver a súa aplicabilidade no tecido produtivo.

A xornada contará con mesas redondas e relatorios moderados por persoas expertas en cada unha das tecnoloxías disruptivas: blockchain, big data, internet das cousas, intelixencia artificial e realidade virtual.

Este evento está dirixido tanto ao sector empresarial como á cidadanía en xeral, e mostrará as últimas tendencias en tecnoloxías disruptivas e o seu impacto no mundo empresarial. Desde as 9:00 h e ata as 17:45 h, as persoas asistentes poderán gozar dun completo programa con especialistas deste ámbito.

Para inscribirse no evento, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do GaiásTech. A inscrición é de balde.

O Centro GaiásTech, que depende da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, enmarca a súa actividade no eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030, para a especialización tecnolóxica na nosa Comunidade, así como nos eixos 1 e 3, cos obxectivos de avanzar nunha sociedade dixital e inclusiva e nunha economía dixital e sostible.

O GaiásTech busca impulsar a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

Data de actualización: 27/02/2023