A Xunta convoca a través da Agasp preto de 30 cursos de formación continua para o persoal dos servizos de emerxencias da Comunidade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das accións formativas para os servizos de extinción de incendios e salvamento, Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e servizos municipais de protección civil e emerxencias

Forman parte do plan formativo da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para 2023, que inclúe máis de medio cento de cursos con máis de 14.000 prazas para membros das forzas e corpos de seguridade e para persoal dos servizos de emerxencia

A Estrada (Pontevedra), 2 de marzo de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas convocatorias da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de 28 actividades formativas dirixidas ao persoal os servizos de extinción de incendios e salvamento, dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e servizos municipais de protección civil e emerxencias. As actividades forman parte do plan formativo en emerxencias deste ano, que inclúe máis de medio cento de cursos con máis de 14.000 prazas para membros dos corpos e forzas de seguridade, así como dos servizos de emerxencias.

En concreto, a través da publicación de hoxe convócanse 28 edicións de cursos moi demandados polos colectivos de referencia tanto na modalidade presencial como semipresencial e en liña. Convócanse máis de 600 prazas para contidos relacionados con riscos, accidentes e autoprotección, a loita contra os incendios, as comunicacións, actuacións básicas ante emerxencias médicas ou a igualdade de oportunidades.

As distintas actividades forman parte do plan de formación continua e inclúen contidos sobre a busca de persoas desaparecidas no medio rural con equipos caninos e outros medios, a investigación causal de incendios, as normativas e instalacións de prevención de riscos de incendios e emerxencias, así como a actuación en intervencións en espazos confinados, rescates en ríos, riadas e inundacións.

Os cursos comezan en marzo e desenvolveranse ata xuño. O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase dez días naturais. Deberá facerse a través do formulario habilitado na web da Agasp. (http://agasp.xunta.gal).

Preto de 300 cursos para persoal de emerxencias

Segundo o plan de formación previsto para 2023, o persoal dos servizos de emerxencias dispón de case 8.300 prazas para realizar máis de 12.000 horas lectivas nas 280 accións formativas programadas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como axentes forestais e ambientais. Inclúese tamén aquí a formación en materia de socorrismo impartida para fomentar a inscrición no Rexistro Profesional de persoal socorrista.

Data de actualización: 02/03/2023