Miranda invita en Bonn aos galegos de Alemaña a volver a Galicia “nas condicións que máis se axusten ás súas necesidades” a través da Estratexia Galicia Retorna

O secretario xeral da Emigración rematou hoxe a campaña de presentación da EGR2026 que está a levar a cabo no país

O documento presta especial atención ao eido laboral, de aí que representantes das fundacións Nortempo e Venancio Salcines participasen no acto para ofrecer información detallada sobre o programa Retorna Cualifica Emprego

A Xunta mantén aberto, así mesmo, o prazo de solicitudes das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que ofrece aos mellores expedientes de galegos do exterior axudas para estudar un máster na Comunidade

Bonn (Alemaña), 04 de febreiro de 2023

  O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, rematou hoxe en Bonn a campaña de presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-26 en Alemaña informando das vantaxes laborais e educativas que ofrece a Comunidade Autónoma para garantir a integración efectiva dos retornados a Galicia. A estratexia, tal e como explicou Miranda, ofrece un cento de iniciativas formativas, sociais e laborais, duplicando tanto as medidas como en orzamento ao anterior documento, aprobado en 2018 e que “supuxo un modelo a seguir para outras comunidades autónomas”.

Durante a presentación da nova Estratexia afondouse no feito de que o eido laboral e da formación gañaron protagonismo neste documento, xa que se trata de aspectos imprescindibles para asentar poboación. Así, no acto o máximo responsable de Emigración detallou os prazos, requisitos e características doutra das medidas estrela do documento, as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), cuxo prazo de solicitude continuará aberto ata o 28 de abril e que oferta 250 prazas para realizar un máster nunha das tres universidades galegas.

Precisamente para expor os detalles do programa más novidoso que inclúe a EGR2026, o Retorna Cualifica Emprego, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, acompañaron ao secretario xeral en Bonn representantes das fundacións Nortempo e Venancio Salcines, encargadas da súa xestión. O obxectivo desta iniciativa é casar as vacantes das empresas coas necesidades laborais dos retornados. A través desta iniciativa, a Xunta ten previsto que máis de 400 galegas e galegos do exterior con formación regresen a Galicia este ano cun contrato indefinido na man.

A Estratexia Galicia Retorna conta cun cento de medidas e máis de 450 millóns de euros de presuposto para seguir facendo de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no exterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/03/2023