Emigración recorda en Pontevedra que está aberta a convocatoria BEME e o prazo anticipado para solicitar un máster nas tres universidades galegas

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, mantiveron un encontro cos alumnos do campus de Pontevedra que se benefician dunha das liñas de apoio ao retorno que forman parte da Estratexia Galicia Retorna

Neste campus da UVigo están a estudar, grazas a esta bolsa de excelencia académica 26 galegos universitarios do exterior procedentes de 8 países do mundo

Nestes intres atópase aberta esta liña de axudas para cursar un máster BEME o próximo curso 2023/24

Pontevedra, 10 de marzo de 2023 O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, mantiveron esta mañá, no edificio administrativo de Campolongo, un encontro cos bolseiros BEME que están a cursar un mestrado neste campus da UVigo. Durante este encontro, o secretario xeral recordou que está aberta a actual convocatoria BEME e o prazo anticipado para solicitar os máster que ofertan as 3 universidades galegas.

Á reunión asistiron alumnos dos mestrados que imparte esta universidade, que son galegos retornados do exterior ou descendentes de galegos, e que obtiveron en 2022 unha destas axudas de excelencia que outorga a Secretaría Xeral da Emigración para poder ampliar estudos superiores.

Os alumnos BEME trasladáronlle ao secretario xeral as súas impresións sobre os cursos que están a levar a cabo, as problemáticas ás que se enfrontaron ao chegar a Galicia ou as súas inquedanzas por poñer en marcha un negocio ou buscar un emprego para poder quedarse a vivir na nosa Comunidade autónoma.

Na UVigo están a estudar este curso 96 alumnos, dos que 58 o fan no campus de Vigo, 12 en Ourense e 26 en Pontevedra. No campus da cidade do Lérez estudan a través desta bolsa alumnos procedentes de 8 países distintos, sendo Arxentina o país con maior número de beneficiarios, aínda que tamén proceden de Alemaña, Venezuela, Uruguai, Brasil, Bolivia, México e Canadá.

Pola súa banda, o secretario xeral recordou que xa se atopa aberta a nova convocatoria destas bolsas para o próximo curso 2023/24.

O Goberno galego destinará a esta nova convocatoria 2,3 millóns de euros impulsando a captación dun total de 250 titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

Os beneficiarios destas bolsas de excelencia son galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, e deben acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na prescrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, cunhas axudas que van entre os 7.500 e os 12.000 euros, dependendo do número de créditos que se cursen e do continente de procedencia. Este ano, e para paliar a situación da inflación actual, as bolsas aumentarán de media uns 500 euros con respecto ao pasado curso.

O obxectivo das BEME é non so atraer cada ano galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2023