A conselleira do Mar visitou o hotel Bela Fisterra, construído no marco dun proxecto apoiado polo grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) Costa Sostible

A Xunta destaca o potencial dos Grupos de Acción Local do sector pesqueiro na dinamización do turismo e da economía do litoral

O hotel Bela Fisterra caracterízase por unha arquitectura responsable que conecta coas tradicións e arquitectura industrial do lugar, suma varios premios de deseño e contou cunha axuda pública de 200.000 euros
 

O GALP Costa Sostible, que ampara o proxecto, desenvolveu 67 das 661 iniciativas postas en marcha polos Grupos de Acción Local Pesqueiro entre 2016 e 2021
 

Fisterra (A Coruña), 13 de marzo de 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe o hotel Bela Fisterra, construído no marco dun proxecto apoiado polo grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible. Alí enxalzou  o papel dos grupos de acción local do sector pesqueiro na dinamización do turismo e a economía do litoral e puxo como exemplo deste feito ao hotel Bela Fisterra, que suma varios premios de deseño, algúns deles internacionais.

Na visita a conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e tamén salientou a arquitectura responsable deste edificio que conecta coas tradicións e arquitectura industrial do lugar. De feito, esta infraestrutura ten forma de cetárea e tamén alberga exposicións divulgativas e eventos relacionados con Fisterra, o mar e a cultura vencellada a el. Ademais conta cunha pequena tenda onde se comercializan produtos do mar en conserva, procedente da actividade local e envasados na Costa da Morte.

Isto é unha mostra da vitalidade que os GALP aportan ás zonas costeiras, subliñou Rosa Quintana. Nesta liña sinalou que o proxecto do hotel Bela Fisterra contou cunha axuda pública de 200.000 euros (case o 40% do custo total) que favorece os fins da iniciativa. Entre eles a implantación dun aloxamento innovador, sostible, accesible e inclusivo, a promoción do Camiño Xacobeo ou a posta en valor dos recursos e atractivos de Fisterra.

O GALP Costa Sostible, que ampara este proxecto, levou a cabo un total 67 iniciativas das 661 que desenvolveron os Grupos de Acción Local Pesqueiro durante o período 2016-2021. De feito, dos 38 millóns de euros que destinou a Xunta a elas, arredor dun 18% (máis de 7 millóns) foron para este grupo, ao mesmo tempo que dos 470 empregos que se crearon en Galicia a tempo completo grazas a estas iniciativas 61 corresponderon a este GALP.  

Hotel Bela Fisterra

O hotel Bela Fisterra está construído sobre unha parcela con acceso directo á praia de Langosteira. Dispón de 16 habitacións con baño privado, 14 dobres e dúas cuádruplas, salón social e talaso na parte posterior da edificación, o que o converten nun hotel de dúas estrelas de categoría superior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2023