A Xunta destaca o impulso das tecnoloxías disruptivas no sector público con iniciativas como o Gobtech, o xemelgo dixital de Galicia e a sensorización do territorio

Son medidas xa en marcha, enmarcadas na Estratexia Galicia Dixital 2030, que ten como eixo transversal a especialización tecnolóxica da Comunidade

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, inaugurou hoxe o Foro ADP Tecnoloxía e Negocio

O responsable da Axencia autonómica recordou que a Estratexia autonómica avoga por impulsar a promoción de talento dixital, fortalecer o hipersector TIC e favorecer a adopción das tecnoloxías disruptivas polos distintos sectores produtivos
 

Santiago de Compostela 16 de marzo de 2023

A especialización dixital de Galicia é unha prioridade para Xunta de Galicia e así se plasma na Estratexia Galicia Dixital 2030 (EDG2030), que recolle este obxectivo como un eixo transversal. Así o resaltou esta mañá o director  da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, na inauguración da Foro APD Tecnoloxía e Negocio.

O responsable da Axencia autonómica destacou as principais iniciativas que se están a desenvolver para “implantar as tecnoloxías disruptivas no sector público e en proxectos de calado para Galicia, como a estratexia GobTech, en colaboración coas pemes e start-ups galegas; o xemelgo dixital de Galicia, que permitirá efectuar simulacións e análises preditivos sobre o impacto da acción da sociedade sobre a contorna; e a sensorización do territorio a través da Rede Galega de IoT, con capacidade para xestionar ata 300.000 sensores e dar cobertura a máis do 70% do territorio”.

Julián Cerviño sinalou que para afrontar a especialización tecnolóxica de Galicia a EDG2030 asume os retos de impulsar a promoción de talento dixital; fortalecer o hipersector TIC e favorecer a adopción das tecnoloxías disruptivas polos distintos sectores para  facilitar un novo modelo produtivo.

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia destacou que para avanzar nestes obxectivos “a Administración autonómica puxo en marcha os nodos 5G, de ciberseguridade e de Intelixencia Artificial, fomentando a colaboración público privada para impulsar estas tecnoloxías disruptivas”. Ademais, Galicia foi das primeiras comunidades en contar cunha Estratexia de Intelixencia Artificial que, xunto co Nodo GalicIA e a elaboración dun marco ético e normativo galego sobre o uso desta tecnoloxía, foron factores chave na elección da nosa Comunidade como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.

Data de actualización: 16/03/2023