A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, fixo este anuncio na escola pública autonómica de Santa Susana, en Santiago

A Xunta abre a matrícula para as escolas infantís públicas autonómicas

O prazo para solicitar praza comprenderá desde mañá venres ata o vindeiro 5 de abril

Esta oferta inclúe as 40 prazas da nova escola infantil da Cidade da Xustiza, en Vigo

Os nenos contarán co calendario de vacinación máis completo de todo o mundo ao incluír por vez primeira a do virus respiratorio sincitial e a do rotavirus

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou a apertura do prazo de matrícula para as escolas infantís públicas autonómicas para o vindeiro curso 2023-24. Fíxoo durante unha visita á escola infantil de Santa Susana, en Santiago, na que sinalou que os pais poderán solicitar unha das 10.500 ofertadas desde mañá venres e ata o vindeiro 5 de abril.

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe o calendario de matriculación para o que será o segundo ano de gratuidade destes centros. A conselleira lembrou que Galicia converteuse o pasado ano na primeira Comunidade en facer gratuítas todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade, durante oito horas ao día e once meses ao ano. Unha medida que beneficia a 31.000 familias que aforran arredor de 2.000 euros ao ano e na que a Xunta inviste máis de 55 millóns de euros ao ano.

Fabiola García destacou como novidade para o vindeiro curso a apertura da escola infantil pública autonómica da Cidade da Xustiza, en Vigo, que ofrecerá 40 prazas novas de atención para os traballadores deste centro. Así mesmo, as escolas infantís serán aínda máis seguras grazas á ampliación do calendario de vacinación infantil, obrigatorio para todos os centros da nosa Comunidade. Galicia contará, a partir deste ano, co calendario de vacinas máis completo de todo o mundo ou incluír a vacina fronte ao virus respiratorio sincitial e contra o rotavirus.

Máis conciliación

A Xunta segue reforzando aqueles servizos de conciliación por toda Galicia que lograron situar á nosa Comunidade como unha referencia durante os últimos anos. Mostra disto é o Bono Coidado, que ofrece un apoio para a contratación dun servizo extraordinario de conciliación e que no pasado ano beneficiou a 5.000 familias; a Tarxeta Benvida, unha axuda directa para que as familias fagan fronte aos gastos polo nacemento dun bebé; ou as 95 casas niño que existen por toda Galicia e que permiten crear un recurso de conciliación en concellos sen escola infantil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2023