Rueda traslada ao embaixador de Azerbaiyán o interese de Galicia por avanzar nas relacións institucionais e comerciais co país caucásico
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou ao embaixador da República de Azerbaiyán en España e Andorra, Ramiz Hassanov, o interese de Galicia por avanzar nas relacións institucionais e comerciais co país caucásico. O mandatario galego mantivo hoxe un encontro co diplomático, que asumiu o cargo en outubro do 2021.
Na actualidade hai unha trintena de empresas galegas que exportan produtos a Azerbaiyán, sobre todo no sector téxtil e na maquinaria, pero o progresivo incremento das exportacións por parte do tecido industrial galego favorece a apertura de novos mercados, sobre todo en territorios abertos ao mercado exterior, como é o caso de Azerbaiyán. Por outra parte, a inestabilidade no contexto internacional e os novos retos enerxéticos favorecen a intensificación de alianzas con países estratéxicos desde o punto de vista xeopolítico, como é o caso da República de Azerbaiyán.
O presidente da Xunta agradeceu ao embaixador do país caucásico a súa visita a Galicia e convidou a percorrer o Camiño de Santiago e a dalo a coñecer entre os seus compatriotas como símbolo de concordia e respecto pola diversidade de pobos e culturas.