A Xunta activa unha alerta laranxa para mañá por temporal costeiro

Agárdase mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de ata 6 metros

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta activou unha alerta laranxa para mañá por temporal costeiro.

 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso comezará a media mañá deste xoves no oeste e noroeste do litoral da Coruña e estenderase a partir do mediodía á costa suroeste desta provincia, á de Lugo e á das Rías Baixas de Pontevedra. Agárdase mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de ata 6 metros.

 

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 22/03/2023