A Xunta aposta pola formación e a planificación a prol da prevención e a protección cidadá

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na clausura do 16º Salón da Prevención e Seguridade Laboral desenvolvido en Ourense onte e hoxe co apoio do Goberno galego

Anunciou que o próximo mes entrará en vigor o novo decreto que aproba o catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección

Ourense, 23 de marzo de 2023 O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na clausura do 16º Salón da Prevención e Seguridade Laboral (Previsel), onde apostou pola formación e a planificación a prol da prevención e a protección cidadá. Nesta liña, Villanueva destacou o compromiso do Goberno galego neste eido a través de dous piares como son o programa formativo da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), e os exercicios e simulacros de plans de emerxencia de protección civil.

Segundo sinalou o director xeral, ao longo de 2023 ofreceranse na Agasp máis de medio milleiro de cursos para dotar tanto os membros das forzas e corpos de seguridade coma o persoal dos equipos de emerxencia municipais dos recursos precisos para desenvolver o seu labor con seguridade e garantir a protección da cidadanía. A maiores, indicou que a Xunta apoia o traballo preventivo e de intervención das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) e dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) con axudas ao equipamento e ao funcionamento.

Por outra banda, Villanueva referiuse á importancia dos exercicios e simulacros de plans de emerxencia de protección civil para a coordinación entre os grupos operativos e a avaliación da capacidade para a toma de decisión dos órganos de xestión. Só en 2022 a Xunta realizou unha decena destas actividades, dos que un enmarcado no Plan Especial ante o Risco de Incendios Forestais (Peifoga) tivo lugar nos concellos ourensáns de Avión e Cualedro.

Canto á autoprotección, o director xeral lembrou que no próximo mes entrará en vigor a nova norma de aplicación en Galicia neste eido, isto é, o decreto que aproba o catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección e polo que se fixa o contido desas medidas.

Neste decreto, ademais de fixar a obrigatoriedade de elaborar e rexistrar os plans de autoprotección en gran parte de instalacións de uso público e  privado, ampliaranse os lugares e zonas nos que é obrigatorio instalar desfibriladores ou puntos de rescate cardíaco, ademais de lembrar a importancia de contar con persoas debidamente formadas en asistencia sanitaria inmediata.

Por último, o director xeral destacou a importancia de eventos como Previsel para afondar na concienciación de empresas, profesionais e cidadanía da necesidade de incorporar medidas preventivas nas súas respectivas actividades.

Neste sentido, incidiu especialmente na área formativa do encontro, cun programa que incorpora distintos obradoiros e seminarios. Ademais, Previsel contou un ano máis coa participación da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) que instalou o seu Posto de Mando Avanzado, onde se pode ver de primeira man a tecnoloxía utilizada nesta unidade móbil para intervencións en caso de accidente ou catástrofe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023